O 061 de Galicia asistiu 51 persoas por 39 accidentes de tráfico durante a fin de semana
Desde as 15,00 horas do venres, 15 de novembro ata as 23,59 horas do domingo, 17 de novembro, a Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 recibiu 47 chamadas por accidentes de tráfico
A Estrada (Pontevedra), 18 de novembro de 2024
Urxencias Sanitarias de Galicia-061 asistiu durante a fin de semana 51 persoas debido a 39 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas. O período contabilizado comprende desde as 15,00 horas do venres, 15 de novembro, ata as 23,59 horas do domingo, 17 de novembro. O sábado foi o día que rexistrou máis sinistros, con 14 accidentes de tráfico.
A Central de Coordinación do 061, que xestiona e coordina os servizos prehospitalarios en casos de urxencia e emerxencia en Galicia, recibiu nestes días 47 chamadas en relación cos accidentes de tráfico. Estas alertas xeraron 39 asistencias sanitarias por parte do persoal do 061 que atendeu un total de 51 persoas. A proporción de homes e mulleres atendidos foi do 62% e do 38% respectivamente. Nas idades dos feridos, obsérvase que o 30% dos atendidos tiña entre 15 e 29 anos.
Por provincias, Pontevedra a foi a que máis sinistros rexistrou con 14 accidentes de tráfico durante os desprazamentos destas datas.
|
Provincia |
Accidentes |
|
A Coruña |
9 |
|
Lugo |
7 |
|
Ourense |
9 |
|
Pontevedra |
14 |
|
Galicia |
39 |
Os recursos sanitarios mobilizados polos médicos que atenderon as chamadas na Central de Coordinación do 061 foron 48. Así, as ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado asistiron en catro accidentes, o helicóptero medicalizado mobilizouse nunha ocasión, as ambulancias asistenciais de soporte vital básico asistiron en 41 sinistros e os equipos sanitarios de Atención Primaria que completan a dotación das ambulancias asistenciais de soporte vital básico do 061, no caso de necesitalo, prestaron asistencia sanitaria en dous accidentes.
En 44 casos os feridos foron trasladados aos centros sanitarios correspondentes, en seis ocasións atendeuse no propio lugar do incidente e unha persoa faleceu no punto.