A Xunta subvenciona a catro asociacións de comerciantes do Salnés con 190.000 euros para dinamizar os centros comerciais abertos
A liña de axudas conta cun orzamento de máis de 2 millóns de euros, dos cales preto de 860.000 quedarán nas asociacións da provincia de Pontevedra
O delegado territorial lembrou o éxito da última edición do Bono Activa Comercio e reiterou a implicación da Xunta cos pequenos comerciantes
Cambados (Pontevedra), 18 de novembro de 2024
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá a sede da Asociación Cambados Zona Centro con motivo das subvencións a asociacións de comerciantes sen ánimo de lucro para a dinamización dos centros comerciais abertos de Galicia.
Esta foi unha das catro asociacións de comerciantes da comarca do Salnés que recibiron unha subvención coa que se pretende potenciar o comercio local e de proximidade. No caso da entidade con sede en Cambados, a achega total foi de preto de 52.000 euros.
No resto da comarca tamén recibiron esta axuda o Centro Comercial Aberto de Vilagarcía de Vilagarcía Zona Aberta (51.999 €); a Asociación de Empresarios Grovenses de Bens e Servizos (43.073€); e a asociación Entretendas Centro Comercial Urbano de Sanxenxo (42.030€).
Neste sentido, o delegado territorial destacou a importancia deste tipo de medidas que “axudan a un total de 22 asociacións en toda a provincia de Pontevedra e, polo tanto, a moitísimos máis pequenos empresarios e empresarias”.
En total, esta liña de axudas conta cun orzamento de máis de 2 millóns de euros, dos cales preto de 860.000 irán destinados a mellorar e dinamizar os centros comerciais abertos da provincia de Pontevedra.
Reguera rematou a visita lembrando o éxito da última edición do Bono Activa Comercio, que arrincou o pasado día 4 de novembro e que en apenas dous días conseguiu mobilizar máis de 11 millóns de euros en toda Galicia. “É unha proba máis da aposta da xunta polo comercio local. Unha iniciativa que ten demostrado ter un enorme impacto nunha época do ano especialmente difícil para o sector”, concluíu o delegado.