A Xunta destina 44.000 euros á dinamización do Centro Comercial Urbano Zona Monumental de Pontevedra

A liña de axudas conta cun orzamento de máis de 2 millóns de euros, dos cales preto de 860.000 quedarán nas asociacións da provincia de Pontevedra

O delegado territorial lembrou o éxito da última edición do Bono Activa Comercio e reiterou a implicación da Xunta cos pequenos comerciantes

Pontevedra, 19 de novembro de 2024

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá a sede da asociación do Centro Comercial Urbano Zona Monumental con motivo das subvencións a asociacións de comerciantes sen ánimo de lucro para a dinamización dos centros comerciais abertos de Galicia.

Esta foi unha das tres asociacións de comerciantes da comarca da área de influencia de Pontevedra e o Morrazo que recibiron unha subvención coa que se pretende potenciar o comercio local e de proximidade. No caso da entidade con sede no concello de Pontevedra, a achega total foi de preto de 44.000 euros.

Tamén recibiron esta axuda a Asociación Comerciantes e Industrias de Bueu (32.000 €);  e a Asociación Centro Comercial Local Estrela de Marín (52.000€).

En total, esta liña de axudas conta cun orzamento de máis de 2 millóns de euros, dos cales preto de 860.000 irán destinados a mellorar e dinamizar 22 centros comerciais abertos da provincia de Pontevedra.

O delegado territorial destacou o compromiso da Xunta co pequeno comercio local e salientou a importancia deste tipo de medidas que axuda aos autónomos e pequenos empresarios, que son “un sector imprescindible para o benestar e prosperidade de Galicia”.

Reguera rematou a visita lembrando o éxito da última edición do Bono Activa Comercio, que arrincou o pasado día 4 de novembro e que en apenas dous días conseguiu mobilizar  máis de 11 millóns de euros en toda Galicia. “É unha proba máis da aposta da Xunta polo comercio local. Unha iniciativa que ten demostrado ter un enorme impacto nunha época do ano especialmente difícil para o sector”, concluíu o delegado.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/11/2024