A Xunta destaca as accións formativas destinadas ás persoas maiores que fomentan o envellecemento activo e o benestar

O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria asistiu á inauguración do curso 2024/2025 das ‘Aulas Senior’ de Galicia coas que colabora o Executivo galego

Estas actividades buscan conectar aos participantes e desenvolver as súas habilidades en varios eidos temáticos

Este ano grazas ao Carné +65 da Xunta os maiores participantes puideron beneficiarse dun desconto na matrícula

Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2024

O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, participou esta mañá na conferencia inaugural do curso 2024/2025 das Aulas Senior de Asociación Cultural Galega de Formación Permanente de Adultos (Ategal), onde destacou que as actividades formativas que ofrecen son claves para fomentar o envellecemento activo e o benestar dos maiores.

Durante o curso, os participantes poden asistir a actos e seminarios de diferentes eidos como historia, arte, literatura e mesmo talleres de memoria, entre outras actividades. Estas accións impulsadas por Ategal contan co apoio económico da Xunta de Galicia. Ademais, este ano os maiores puideron utilizar o Carné +65, creado pola Consellería de Política Social e Igualdade, para obter un desconto na matrícula do curso.

Neste senso, Antón Acevedo destacou a importancia de ofrecer aos maiores alternativas de ocio e formación que lles permitan establecer relación enriquecedoras e desenvolver as súas habilidades. Así, o director xeral sinalou que a Xunta de Galicia seguirá apoiando as iniciativas que melloren a calidade de vida das persoas maiores e fomenten un envellecemento activo e saudable.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/11/2024