Gómez Caamaño salienta a unión de forzas de Galicia e o Norte de Portugal para promover un modelo común de cardioloxía innovador e próximo ao paciente

O proxecto europeo New Heart conta coa participación de 7 entidades da Eurorrexión galego-portuguesa e un orzamento de máis de 2,7 millóns de euros

Entre os obxectivos do programa destaca o impulso dun Proceso Asistencial Integrado para atención da cardiopatía isquémica

Ademais de homoxeneizar a atención dos pacientes a ambos lados da fronteira, o proxecto tamén promoverá os estilos de vida saudables e avaliará as posibilidades das novas tecnoloxías neste ámbito da saúde

Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2024

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, asistiu esta mañá á presentación do “Proxecto New Heart: Unha nova cardioloxía máis innovadora e cercana ao paciente”. O novo Programa de cooperación transfronteiriza entre Galicia e o Norte de Portugal ten por obxectivo optimizar a diagnose temperá das enfermidades cardiovasculares co ánimo de mellorar a calidade de vida dos pacientes con cardiopatías.

Durante a súa intervención, o titular de Sanidade destacou as grandes expectativas que a Xunta ten postas nun programa cuxo eixe central tratará de impulsar un proceso asistencial integrado para a cardiopatía isquémica, actualmente, a patoloxía coronaria que maior mortalidade e morbilidade ten asociada. Así, elaborarase un documento que incidirá na prevención, a detección e o seguimento terapéutico destes pacientes, ao tempo que homoxeneizará a atención cardiolóxica a ambos lados da fronteira.

Acompañado polo xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, e do xerente da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Ángel Facio, Gómez Caamaño tamén puxo en valor o estímulo que suporá este proxecto no eido da educación sanitaria, ao favorecer os hábitos de vida saudables, como é o caso da dieta atlántica, ou o impulso que suporá no ámbito da innovación clínica, ao avaliarse a incorporación e emprego das novas tecnoloxías nas análises cardiolóxicas, como pode ser o caso da intelixencia artificial.

Coordinado desde Galicia polo doutor José Ramón Juanatey, o proxecto botou a andar en xaneiro deste ano e desenvolverase até o 31 de decembro de 2026. Así, e segundo explicou o xefe de Cardioloxía do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela, os especialistas portugueses e galegos “temos o reto de desenvolver un modelo de organización asistencial que sexa extrapolable e implantable noutras área de Europa”.

Entre os obxectivos do proxecto tamén destacan o desenvolver unha medicina personalizada e de precisión para a diagnose precoz e tratamento de enfermidades cardiovasculares; mellorar o acceso ao diagnóstico e tratamento desde a atención primaria; elaborar protocolos médicos automatizados e comúns para a Eurorrexión, ou impulsar un sofware de saúde cardíaca, cuxos indicadores médicos posibiliten a transferencia dos resultados.

O proxecto New Heart, fica inserido no marco do Programa de cooperación transfronteriza Interreg España-Portugal (POCTEP), dispón dun orzamento total de 2.734.697 e logrou captar financiamento da Unión Europea. 

No programa participan 7 beneficiarios de Galicia e do Norte de Portugal. En concreto, participaran a Fundación Pública Galega Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela; a Universidade de Santiago de Compostela; Flowreserve Labs; Dilemma Solutions; Fundación Dieta Atlántica; a Facultade de Medicina da Universidade do Porto; e as Unidade Local de Saúde Gaia/Espinho e de São João.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/11/2024