O Consorcio Provincial Contraincendios e Salvamento da Coruña aproba os orzamentos para 2025 con 14,4M€
O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou hoxe na reunión do pleno do organismo
A Coruña, 22 de novembro de 2024
O Consorcio Provincial Contraincendios e Salvamento de Pontevedra, integrado pola Xunta e a Deputación da Coruña, aprobou hoxe os orzamentos de 2025, que ascenden a 14,4 millóns de euros.
O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou esta mañá xunto co presidente da deputación provincial, Valentín González Formoso, no Pleno do Consorcio provincial contraincendios e salvamento da Coruña, no que tamén se aprobou o convenio de colaboración entre o organismo e o Concello de Arteixo para a reubicación do parque provincial de bombeiros, actualmente situado nas instalacións do polígono de Sabón. Segundo o acordo, o concello asumirá a cesión dunha parcela e encargarase da licitación, a execución e o financiamento do proxecto.
A Xunta e a Deputación coruñesa colaboran no funcionamento dunha decena de parques comarcais de bombeiros que dependen do Consorcio con sedes en Carballo, Arteixo, Arzúa, Ordes, As Pontes, Cee, Santa Comba, Betanzos, Boiro e Ribeira, que forman parte deste ente.
O Goberno galego mantén o seu compromiso na atención ás emerxencias en todo o territorio galego, neste caso para apoiar a actividade dos parques de bombeiros da comunidade, a través dos consorcios. Ademais, a Xunta colabora cos servizos de emerxencias dos concellos tanto no seu funcionamento como na dotación de equipamento.