O director xeral de Xustiza participou na Conferencia Sectorial de Xustiza desenvolvida hoxe en Córdoba
Galicia esíxelle ao Ministerio información sobre a implantación da futura Lei de medidas de eficiencia do servizo público de xustiza
José Tronchoni apuntou a necesidade de coñecer os custes que suporá para a comunidade
No encontro sectorial abordouse tamén a execución dos fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, que en Galicia supera o 97%
Córdoba, 22 de novembro de 2024
O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, participou hoxe en Córdoba na Conferencia Sectorial de Xustiza, onde se abordou o Proxecto de Lei Orgánica de medidas en materia de eficiencia do servizo público de xustiza. Tronchoni insistiulle ao Ministerio de Xustiza que, unha vez aprobada a norma, lidere o cambio sen deixar ningunha comunidade atrás. Neste sentido, lamentou a falta dunha análise do custo inicial da implantación, xa que se descoñece o que suporá para Galicia. “Somos conscientes de que a longo prazo favorecerá unha redución de custos, pero ao comezo implicará gastos adicionais”, engadiu.
No encontro abordouse tamén a situación dos fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia para a dixitalización do servizo público de Xustiza. Segundo sinalou José Tronchoni, Galicia executou máis do 97% dos case 15 millóns de euros asignados a Galicia.
A execución destes fondos permite cumprir cos fitos establecidos, como a dixitalización de todas as salas de vistas galegas, máis de 200, ou o apoio aos proxectos tractores de dixitalización da Administración Xeral de Xustiza. Entre estes figura o proxecto de infraestruturas e medios, coa dotación de diverso equipamento para persoal e sedes que suma un investimento superior aos 4,3 millóns de euros. Esta liña complementarase en 2025 con dotacións de recursos multimedia para 40 salas de declaracións, cun presuposto de 203.500 euros.
No eido da seguridade, cómpre sinalar as actuacións realizadas en ciberseguridade, coa implantación das ferramentas máis avanzadas para garantir a protección da información na Administración de Xustiza. As medidas comezaron a implantarse en 2022 e continuarán ata o ano que vén, cun orzamento de case 2,6 millóns de euros. A maiores, o director xeral sinalou os avances na dixitalización e interoperabilidade das Oficinas de Atención ás Vítimas de Delito (OAVD) e do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga), así como no expediente xudicial electrónico, entre outros proxectos.
Os avances na dixitalización da Administración de Xustiza en Galicia enmárcanse no III Plan Tecnolóxico da Administración da Xustiza en Galicia. Senda 2025, que busca a consolidación dixital da xustiza, para facela máis próxima á cidadanía con capacidade para ofrecer uns servizos máis personalizados e adaptados ás súas necesidades. O Plan conta cun investimento de 43 millóns de euros en cinco anos, o que supón un incremento do 68% respecto do investimento dos dous plans anteriores, Senda 2014 e Senda 2020, que mobilizaron 50 millóns de euros en dez anos para avanzar na dixitalización da xustiza galega.
Por outra banda, na Conferencia Sectorial o director xeral pediu información sobre a negociación do Ministerio cos sindicatos de funcionarios e cos letrados da Administración de Xustiza, “peza angular da nova oficina xudicial”.