A Xunta solicita ás federacións que suspendan as actividades deportivas ao aire libre no caso de celebrarse nunha zona afectada por alerta laranxa

Esta solicitude ás federacións, competentes da suspensión da actividade deportiva, débese á activación da alerta laranxa por chuvias nas provincias da Coruña e de Pontevedra, así como a ampliación da alerta laranxa por vento á Mariña e á montaña de Ourense, e a de costeiros a todo o litoral pontevedrés

Santiago, 24 de novembro de 2024

A Xunta de Galicia solicita ás diferentes federacións deportivas que suspendan as actividades deportivas ao aire libre no caso de celebrarse nunha zona afectada por alerta laranxa, en función dos posibles riscos na práctica da actividade. Así está recollido no protocolo da Secretaría Xeral para o Deporte ante o aviso da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior dun episodio de fenómenos meteorolóxicos adversos para Galicia que tamén recomenda adoptar precaucións e manterse informado da predición meteorolóxica máis actualizada con carácter xeral. Cómpre lembrar que son as federacións deportivas as competentes no caso da suspensión da actividade.

Esta solicitude débese á activación da alerta laranxa por chuvias nas provincias da Coruña e de Pontevedra, así como a ampliación da alerta laranxa por vento á Mariña e á montaña de Ourense, e a de costeiros a todo o litoral pontevedrés, por parte da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.
 
Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o fenómeno meteorolóxico adverso por chuvias comezará a primeiras horas da tarde e afectará ao noroeste, oeste e suroeste da Coruña, así como ás Rías Baixas e Miño de Pontevedra. Prevense precipitacións acumuladas de 30 mm nunha hora e de 80 mm en 12 horas. O resto da comunidade, excepto a Mariña e a montaña de Lugo, está en alerta amarela.

A maiores, a alerta laranxa por vento, que está a afectar ao oeste e suroeste da Coruña, ampliouse ás áreas da Mariña e montaña de Ourense. Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o fenómeno meteorolóxico adverso deixará rachas de ata 100 km/h. O resto das provincias da Coruña e de Lugo, así como Rías Baixas e o interior de Pontevedra están en alerta amarela por ventos de ata 80 km/h.

Continúa ademais activa a alerta laranxa por costeiros en todo o litoral coruñés e pontevedrés, coa ampliación esta mañá á zona de Miño.

Data de actualización: 24/11/2024