A Xunta destaca a boa tendencia da recollida separada do vidro e a importancia de seguir avanzando neste eido

Madrid, 25 de novembro de 2024

A directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, María José Etchevarría, asistiu hoxe a unha sesión informativa sobre o Plan Estratéxico 2025-2030 de Ecovidro, a entidade sen ánimo de lucro encargada da xestión da reciclaxe deste tipo de envases en España. Nel defínense as liñas estratéxicas e os plans concretos de futuro para cumprir cos obxectivos da fracción vidro que marca a normativa e para o que é necesario implicar a todas as administracións competentes.

Galicia considera que esa estratexia é vital na aposta por seguir mellorando a recollida selectiva dos residuos, que rexistra unha tendencia positiva nos últimos anos, especialmente no caso do vidro. De feito, o ano pasado a comunidade superou as 49.700 toneladas de vidro recollidas, segundo o balance anual de Ecovidro. Isto supón que cada galego depositou, de media, 18,5 quilogramos de envases deste tipo no contedor verde, o equivalente a 63 envases por persoa.

Nesta liña, a Xunta continuará promovendo e colaborando con Ecovidro coa finalidade de mellorar os resultados desta recollida selectiva e concienciando á cidadanía da importancia de realizar unha adecuada separación dos residuos para facilitar a súa reciclaxe, recuperación ou preparación para a reutilización e minimizar o volume de refugallos que é preciso xestionar.

Data de actualización: 25/11/2024