A Xunta acorda cos 17 concellos da área de transporte metropolitano da Coruña prorrogar o convenio para os próximos catro anos
A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, presidiu esta mañá a Comisión de Seguimento do Plan de Transporte Metropolitano desta área, que suporá unha achega anual de 2,8M€ por parte da Xunta
O Goberno galego continuará financiando os descontos do 80% nos billetes interurbanos, ademais do 100% dos transbordos e as bonificacións adicionais aos usuarios recorrentes e membros de familias numerosas
Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2024
A Xunta e os 17 concellos da área de transporte metropolitano (ATM) da Coruña acordaron hoxe prorrogar o convenio para os próximos catro anos, segundo se acordou na comisión de seguimento do Plan de Transporte Metropolitano desta área que presidiu a directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela e á que asistiu tamén a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo. Así, a Xunta destinará máis de 2,8 millóns de euros ao ano, o 80% dos millóns do importe total do acordo de 3,4 millóns, mentres que os 17 municipios da área achegarán a contía restante de 625.000 euros ao ano.
A prórroga deste acordo súmase aos pechados nas áreas de Lugo, Santiago de Compostela e Ferrol, que xa celebraron as súas comisións cos respectivos acordos. Unha vez levadas a cabo as comisións nas catro áreas para escoitar aos concellos prevese que o organismo se reúna cunha periodicidade de seis meses.
O investimento total nas catro áreas é de case 6,4 millóns, dos que 5 millóns corresponden á Xunta. A medida garante o mantemento das bonificacións nas tarifas do autobús metropolitano aos viaxeiros de 55 concellos das áreas das catro cidades.
Cómpre destacar que a ATM da Coruña é a que concentra maior oferta de servizos e inclúe aos concellos de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, A Coruña, Culleredo, Oleiros, Sada, Carballo, A Laracha, Betanzos, Oza-Cesuras, Curtis, Miño, Cerceda e Ordes. Estes municipios están conectados por unha rede de autobús interurbano conformada por 444 liñas, que prestan servizo en máis de 7.700 paradas e nas que se ofrecen máis de 400.000 servizos ao ano en máis de 13,3 millóns de quilómetros de servizo.
No marco deste convenio, a Xunta continuará a financiar os descontos do 80% que se aplican nos billetes interurbanos, ademais do 100% dos transbordos, que son gratuítos, e as bonificación adicionais aos usuarios recorrentes (15%) e membros de familias numerosas, de ata o 50%.
Canto á evolución da demanda, rexistráronse desde outubro de 2023 a setembro deste ano, ambos os dous incluídos, máis de 8,4 millóns de viaxes, dos que máis do 80% se beneficiaron dos descontos e bonificacións activadas no marco do convenio asinado entre a Xunta e os concellos para o fomento do transporte público na área metropolitana da Coruña.
Ademais, a veciñanza dos concellos desta área pode beneficiarse dos descontos da Tarxeta da Mobilidade de Galicia (TMG) ás que se suma a gratuidade de 60 mensuais gratuítas no transporte interurbano en Galicia para menores de 21 anos coa Tarxeta Xente Nova e para os maiores de 65 anos coa Tarifa +65.
Pese a que a comisión de hoxe se centrou na renovación do convenio, a Xunta, como xa abordara nunha reunión recente con varios concellos desta área, lembrou o compromiso do Goberno galego para atender as peticións trasladadas por algúns dos municipios respecto a posibles modificacións en liñas ou frecuencias. A directora xeral de Mobilidade lembrou que a Xunta estudará as solicitudes co obxectivo de, sempre atendendo a criterios técnicos e obxectivos, avaliar posibles melloras.
De feito, o Goberno galego recibe de maneira continua aos municipios co obxectivo de escoitar e estudar as súas necesidades. Nesta liña, o Plan de Transporte Público de Galicia é un plan vivo e no que vai de ano realizáronse máis de 400 modificacións respondendo precisamente ás distintas demandas.