O Servizo Galego de Saúde é recoñecido como campión climático de Europa na sanidade e un dos sete campións do mundo

Recibe un total de nove distincións nas tres categorías establecidas pola organización Saúde Sen Dano

Estes premios recoñecen o labor de institucións que están a impulsar un cambio significativo para o benestar do planeta e os seus habitantes

O recoñecemento premia a dedicación de todo o departamento sanitario galego de cara a acadar un futuro máis sostible

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2024

O Servizo Galego de Saúde vén de ser recoñecido pola organización Saúde Sen Dano como campión climático de Europa e un dos sete campións climáticos do mundo na Sanidade 2024. Un total de 9 foron os premios concedidos ao departamento sanitario galego nas tres categorías establecidas pola organización.

O Servizo Galego de Saúde segue a acadar recoñecementos internacionais polas súas iniciativas de sustentabilidade e protección do medio ambiente no sector sanitario.

Estes galardóns recoñecen a organizacións destacadas de todo o mundo que lideran o camiño cara a unha atención de saúde con baixas emisións de carbono, fortalecen a resiliencia climática e promoven políticas que protexen a saúde das persoas e o ambiente.

Estas institucións establecen un novo estándar en saúde sostible, impulsando un cambio significativo para o benestar do planeta e os seus habitantes.

As tres categorías establecidas pola organización son: Campións climáticos; Premios en acción climática e Recoñecemento ao compromiso climático en saúde 2024.

Os premios concedidos ao departamento sanitario galego foron o de Campión climático ao Servizo Galego de Saúde. Así mesmo, na categoría de Acción climática tamén foi premiado con dúas distincións de ouro o Sergas nos apartados de Resiliencia climática e Liderado en clima.

Nesta categoría resultou premiada, igualmente, coa distinción de ouro, a Área Sanitaria de Vigo (Mitigación climática). Pola súa parte, a Área Sanitaria de Santiago foi distinguida con dúas pratas nos apartados de Resiliencia climática e Liderado en clima.

Na categoría de recoñecemento ao compromiso climático a organización premiou ás áreas sanitarias da Coruña e Cee; a de Ferrol e a de Pontevedra e O Salnés.

Reto climático na sanidade

Estes premios recoñecen o compromiso do departamento sanitario galego co reto climático da sanidade, establecendo como obxectivo reducir activamente a pegada de carbono da sanidade, así como prepararse para os crecentes impactos das condicións meteorolóxicas extremas e o cambio da carga de morbilidade.

Ademais recoñecen o obxectivo de educar ao persoal do Sergas e ao público en xeral sobre a intersección vital entre a saúde e o cambio climático.

Este recoñecemento premia a dedicación de todo o departamento sanitario galego no obxectivo cara a acadar un futuro máis sostible.

O Servizo Galego de Saúde celebra este logro e renova o seu compromiso de crear comunidades máis sas e resilientes, agardando aproveitar este impulso para liderar o camiño cara a un futuro con baixas emisións de carbono e máis saudable para todos.

Estratexia de economía circular do Sergas

A Xunta de Galicia aprobou, en xuño do pasado ano, a Estratexia de Economía Circular do Servizo Galego de Saúde, que é o instrumento propio de planificación e orientación no que se recollen todas aquelas medidas dirixidas a garantir un sistema de sanidade público máis sostible e respectuoso co medio ambiente.

Esta estratexia, ademais de ser un estímulo para o cadro de traballadores, posibilita continuar as medidas desenvolvidas nesta materia polo departamento sanitario galego dende hai dúas décadas. As iniciativas recollidas na estratexia van permitir aforrar custos, acadar unha maior eficiencia e diminuír as emisións en todas as instalacións sanitarias.

Entre os obxectivos concretos está reducir en máis de 46.500 as toneladas anuais de emisións de CO₂ ata 2030, un 30%, é dicir, o equivalente a plantar máis dun millón de árbores. Ademais, o Servizo Galego de Saúde fíxase como obxectivo lograr as cero emisións no 2040.

Defensa do medio ambiente

Saúde sen Dano é unha organización internacional dedicada a inspirar ao sector da saúde e a brindarlle recursos e coñecementos que lle axuden a reducir o seu impacto ambiental.

Desde fai tres décadas, este organismo leva adiante actividades de promoción e defensa do ambiente e a saúde, sendo unha comunidade global formada por especialistas nunha gran variedade de temas vinculados coa atención da saúde sostible e un conxunto de socios estratéxicos con quen comparte un obxectivo común, como é persoas saudables nun planeta saudable.

Data de actualización: 28/11/2024