A Xunta destaca a forza social do deporte na transmisión de valores
O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, participou na inauguración da xornada ‘Deporte, adiccións, saúde e convivencia’, organizada pola Fundación Galega contra o Narcotráfico e a Universidade de Santiago de Compostela co apoio da Xunta
Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2024
O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, participou na inauguración da xornada Deporte, adiccións, saúde e convivencia organizada pola Fundación Galega contra o Narcotráfico e a Universidade de Santiago de Compostela co apoio da Xunta. Na súa intervención, Tronchoni destacou a forza social do deporte na transmisión de valores e, en especial dos deportistas de elite como exemplos de “superación, traballo e constancia”.
O director xeral referiuse tamén á importancia de accións divulgativas como o encontro de hoxe para sensibilizar a xuventude da contribución da práctica deportiva a unha vida saudable e afastada do risco que supoñen as adiccións.
Nesta liña, a Xunta mantén un acordo coa Fundación Galega contra o Narcotráfico para a optimización da xestión dos bens comisados ao narcotráfico e delitos conexos, que inclúe tamén a organización de actuacións formativas e divulgativas para loitar contra o tráfico de drogas en Galicia. Deste xeito, o Goberno galego colabora en encontros profesionais, campañas de sensibilización social, asesoramento a persoas con drogodependencia e ás súas familias, así como na promoción de iniciativas a prol da loita contra o narcotráfico en Galicia e a colaboración permanente coas forzas de seguridade e profesionais do ámbito xudicial.