O presidente da Xunta compareceu na Comisión non permanente de investigación sobre a contratación pública da Administración autonómica
Rueda salienta o compromiso do Goberno galego coa calidade institucional e coa transparencia
Lembra que Galicia conta cun Programa de Impulso Democrático con seis leis e 50 medidas para mellorar a rendición de contas das Administracións públicas e o control cidadán sobre elas
Defende o traballo dos equipos da Administración autonómica e dos funcionarios que velan pola integridade dos procesos
Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2024
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou hoxe o compromiso do Goberno galego coa calidade institucional e coa transparencia durante a súa comparecencia a petición propia na Comisión non permanente de investigación sobre a contratación pública da Administración autonómica do Parlamento galego.
Rueda, que defendeu o traballo dos equipos da Xunta e dos funcionarios de carreira que velan pola integridade dos procesos, lembrou ademais os diferentes sistemas de control interno e externo que garanten o correcto funcionamento da Administración autonómica. “O meu Goberno está sempre disposto, é a nosa obriga, a mellorar a calidade institucional”, sinalou, subliñando que “Galicia goza dunha boa saúde democrática”.
Así, o responsable do Executivo autonómico recordou que Galicia conta cun Programa de Impulso Democrático con seis leis e 50 medidas para mellorar a rendición de contas das Administracións públicas e o control cidadán sobre elas.
Entre elas, atópanse a actualización do regulamento do Parlamento galego, que foi a que permitiu que se formase a comisión que se está a celebrar —unha posibilidade única en España—, e a Lei de transparencia e bo goberno. Tal e como indicou Rueda, esta última incorporou novidades como o Portal de transparencia, marco que recolle toda a información que a Xunta se esixe facer pública, ou o comisionado de transparencia adscrito á Valedora do Pobo.
O presidente da Xunta apuntou que desde a Administración autonómica se impulsaron estas medidas que lle impuñan á Xunta novas obrigas por convicción e por compromiso, e fixo fincapé en que as contratacións sempre se realizan de acordo coa lexislación e cumprindo coa obriga de transparencia que a Administración autonómica se autoimpuxo.
Do mesmo xeito, sinalou que todos os contratos son sometidos a todos os controis esixibles, tanto da Asesoría Xurídica como da Intervención da Xunta de Galicia. Rueda, quen incidiu en que o sistema de control institucional funciona, indicou que cada ano o Consello de Contas fiscaliza as contas xerais da Comunidade Autónoma na que se inclúen todos os datos relativos a eses pagamentos.
Con respecto ao hospital de Vigo, o presidente da Xunta reiterou que naquel momento a elección non era entre unha ou outra fórmula de contratación, senón entre facer un hospital para os vigueses e non facelo. Segundo salientou, nos case dez anos que leva funcionando “demostrou estar á vangarda dos centros sanitarios públicos en España e demostrou ser necesario”, especialmente durante a pandemia.