Belén do Campo participa nos actos para celebrar o Día Internacional da Discapacidade “Baixo o mesmo paraugas” na Coruña

O Goberno galego elaborará o vindeiro ano un protocolo para a atención a mulleres con discapacidade vítimas de violencia de xénero

A Coruña, 3 de decembro de 2024

A delegada da Xunta, Belén do Campo, participou na Coruña no acto para celebrar o Día Internacional da Discapacidade "Baixo o mesmo paraugas", no que máis dun centenar de paraugas de cores asolagaron a praza de Parrote para reclamar a inclusión plena das persoas con discapacidade.

En varias cidades galegas, entre elas A Coruña, abríronse os paraugas un ano máis para concienciar sobre a diversidade e reivindicar de forma conxunta unha vida digna e plena para este colectivo. No acto mesmo levouse a cabo a lectura dun manifesto realizado por catro persoas con discapacidade e un alumno dun colexio.

A delegada lembrou que a Xunta seguirá traballando para ampliar a atención á discapacidade en todas as idades; seguirá consolidando un sistema educativo que se ten convertido no máis inclusivo de toda España; seguirá facilitando o acceso ao mundo laboral das persoas con discapacidade; e seguirá ampliando a oferta deportiva, de cultura inclusiva e de tempo libre accesible a toda a sociedade. Neste camiño enmárcanse tamén medidas como a entrada en vigor este ano do concerto social, un compromiso coas entidades que permitirá blindar a atención á discapacidade para os vindeiros anos.

O Goberno galego tamén elaborará o vindeiro ano un protocolo para a atención a mulleres con discapacidade vítimas de violencia de xénero. O obxectivo é deseñar medidas específicas e establecer unhas pautas concretas para conseguir unha prevención, detección e atención axeitada destes casos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/12/2024