A Xunta participa na sétima edición do festival inclusivo ‘Festirititi’ de Amicos, que conmemora o Día internacional das persoas con discapacidade

A directora xeral de Persoas con Discapacidade reiterou o compromiso da Xunta coa atención á discapacidade e agradeceu o traballo que realizan día a día as entidades sociais

Boiro (A Coruña), 3 de decembro de 2024

A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, participou hoxe na sétima edición do festival da inclusión Festirititi, que organiza a entidade Amicos. Alumnado de centros escolares da zona, usuarios e persoal da asociación, así como familiares desfrutaron desta celebración, que incluíu xogos tradicionais, diferentes animacións e obradoiros.

Begoña Abeijón agradeceu a Amicos o seu traballo diario en favor da plena inclusión e, ademais, puxo en valor eventos como o de hoxe porque axudan a dar máis visibilidade ás persoas con discapacidade e a que a sociedade tome unha maior conciencia. A directora xeral reiterou o compromiso da Xunta coa atención á discapacidade e agradeceu o traballo que realizan día a día as entidades sociais.

Amicos é unha entidade referente na comarca do Barbanza pola súa atención ás persoas con discapacidade. Esta asociación traballa todo o ano na mellora de vida destas persoas e das súas familias, co Festirititi, procuran a inclusión e a sensibilización de cara a integración social.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/12/2024