O conselleiro de Sanidade participou no acto de inauguración da “Xornada ISCIII-IDIS: Un encontro clave para impulsar a investigación nos Institutos de Investigación Sanitaria"
Gómez Caamaño destaca o compromiso do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago coa excelencia e o desenvolvemento científico e tecnolóxico
Remarca que reforzar o tecido investigador repercute positivamente na saúde da poboación galega
Pon de relevo a aposta do Executivo galego por situar a comunidade como referente á hora de desenvolver investigacións de calidade
Salienta o acordo acadado cos Institutos de Investigación para a homologación das condicións laborais de preto de 500 profesionais
Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2024
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, interveu esta mañá no acto de inauguración da “Xornada ISCIII-IDIS: Un encontro clave para impulsar a investigación nos Institutos de Investigación Sanitaria”, onde salientou o compromiso do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago coa excelencia e o desenvolvemento científico e tecnolóxico.
Acompañado polo xerente da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Ángel Facio, o titular da carteira sanitaria da Xunta destacou a calidade e o enfoque traslacional das investigacións que desenvolve a Fundación, ao aproveitar as sinerxías establecidas entre o Complexo hospitalario da capital galega e a Universidade de Santiago de Compostela.
Neste senso, e no transcurso desta xornada que conta con aval do Instituto de Salud Carlos III, Gómez Caamaño salientou a capacidade da Fundación Pública Galega Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago para captar fondos, ao superar xa os 50 millóns de euros destinados a actividades de investigación.
Tamén puxo de relevo a aposta decidida do Goberno galego polo desenvolvemento e a innovación, con diferentes medidas entre as que destacan a consolidación de 34 prazas coa categoría de persoal investigador. Trátase dunha medida única en España, que converte Galicia nun referente á hora de crear unha contorna axeitada para desenvolver investigacións de calidade.
Segundo explicou, esta acción foi posible grazas ao acordo acadado o pasado ano cos Institutos de Investigación para a homologación das súas condicións laborais. A medida beneficiou a preto de 500 profesionais e supón melloras salariais, ademais da regulación de distintos permisos de conciliación e teletraballo.
“Temos o firme compromiso de continuar a traballar nesta dirección” concluíu Gómez Caamaño, apuntando que o reforzo do tecido investigador galego repercutirá positivamente no futuro da saúde da poboación galega.