A Xunta insiste ao Goberno central na necesidade de designar o interlocutor con Renfe ao que se comprometera no verán

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, incide na importancia dun diálogo continuo co Executivo estatal para coñecer as causas dos retrasos nas infraestruturas ferroviarias comprometidas polo Ministerio coa comunidade e das constantes incidencias

O Goberno galego lembra os aprazamentos dos trens Avril e Avlo a Galicia antes da súa posta en marcha e as continuas avarías e falta de concreción nos prezos e reservas de billetes desde a súa estrea este ano, así como nos servizos de media distancia, que non recuperaron as frecuencias prepandemia

Santiago de Compostela, 6 de decembro de 2024

A Xunta vén reclamando de xeito reiterado explicacións e solucións ás constantes incidencias rexistradas nos servizos ferroviarios galegos, tanto na alta velocidade cos trens Avril postos en marcha a finais de maio, como nos de media distancia, nos que non se recuperaron as frecuencias tras a pandemia, así como nos Avlo de baixo custo. Por iso, o Goberno galego insiste ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible na necesidade de designar o interlocutor con Renfe ao que se comprometera xa no verán para proporcionar información sobre as incidencias que se producisen.

Nesta liña, o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, insistiu na importancia de garantir un diálogo fluído e continuo entre ambas as administracións sobre a situación das infraestruturas e servizos ferroviarios na comunidade, dado que as incidencias e os retrasos se seguen producindo, como aconteceu en varios servizos onte mesmo, nunha data clave para a mobilidade como é o inicio dunha ponte festiva.

No que se refire aos retrasos ou servizos non conformes na comunidade, o Instituto Galego de Consumo rexistrou algo máis dun cento de queixas de persoas usuarias no que vai de ano. Por exemplo, desde a estrea dos trens Avril o pasado 21 de maio ata mediados de setembro, o organismo contabilizou retrasos e incidencias por avarías tanto neste servizo como nos Avlo -que tamén se estreou con demora por avaría o 22 de xullo- , xunto cos de media distancia, en especial no Eixo Atlántico A Coruña- Vigo. Nalgúns casos mesmo se produciron anulacións de frecuencias que obrigaron a substituír o servizo en tren por autobús.

Ademais das constantes incidencias cos horarios, as persoas usuarias dos servizos ferroviarios, sobre todo nos de media distancia no Eixo Atlántico A Coruña-Vigo, precisan certezas coa reserva de billetes e os prezos. De feito, algunhas das queixas rexistradas teñen que ver co exceso de demanda e coa falta de billetes dispoñibles, ao que se suma a incerteza ante a decisión do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible de retirar os abonos gratuítos.

A Xunta advirte da falta de transparencia do Goberno central con Galicia en materia de servizos ferroviarios ao incumprir os compromisos adquiridos e con anuncios cambiantes debido a unha falta de planificación e dunha xestión rigorosa. Por exemplo, no caso dos trens Avril a previsión inicial para a súa chegada era verán de 2022, retrasándose primeiro ata novembro de 2023, logo ao primeiro trimestre de 2024 e finalmente a maio deste ano. Ademais, estreáronse sen a decena de novas frecuencias comprometidas porque as catro novas expedicións substituían a catro realizadas polos trens Alvia. Canto aos tempos de viaxe, recortáronse en 15 minutos fronte aos 30 minutos comprometidos. 

Diego Calvo engadiu que a incorporación dos trens Avril e Avlo non paliaron os problemas nos trens de media distancia, que non recuperaron as frecuencias tras a pandemia e rexistraron tamén continuos retrasos e incidencias. Se a finais de 2021 había unha decena de conexións con Galicia e Madrid por sentido, actualmente só hai unha máis.

Neste senso, incidiu en que Galicia precisa e merece un transporte ferroviario áxil e eficiente á altura dos servizos que demanda a cidadanía e urxe solucionar os problemas continuos dos servizos ferroviarios, ao que se suman “os continuos retrasos en infraestruturas comprometidas e pendentes”.

Un dos exemplos é a prolongación do corte da vía férrea entre Monforte de Lemos e Ourense. En principio estaba previsto por oito meses e acumulou un retraso de case ano e medio con novas incidencias e deficiencias días antes de restablecerse o tráfico.

Segundo detallou o conselleiro de Presidencia, urxe tamén que o Goberno central aposte pola liña de alta velocidade Vigo-Porto como está a facer o Executivo portugués, concretar prazos e investimentos do Plan Director do Corredor Atlántico, avanzar na variante exterior de Ourense e transformar liñas tan importantes como A Coruña-Ferrol, A Coruña-Lugo, Ferrol-Ribadeo ou Vigo-Ourense.

Data de actualización: 06/12/2024