A Xunta apoia a candidatura das Pepitas a Festa de Interese Turístico Nacional na celebración das primeiras xornadas escolares sobre esta celebración
A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, clausurou esta mañá na sede de Afundación as primeiras xornadas escolares ‘As Pepitas’
O evento, no que participaron as seis rondallas ferrolás e 21 centros educativos, contou coa colaboración da Axencia Turismo de Galicia
Ferrol, 10 de decembro de 2024
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, clausurou esta mañá na sede de Afundación a primeira edición das xornadas escolares As Pepitas, unha acción escolar de transmisión e apoio ao recoñecemento desta celebración como Festa de Interese Turístico Nacional, que conta co apoio de Turismo de Galicia.
Un total de 21 centros educativos da cidade participaron nesta iniciativa que incluíu a proxección dun vídeo sobre esta festa popular e a confección dunha escarapela que cada unha das seis rondallas participantes (Añoranzas, Club de Campo, Bohemios, Sonidos del Alba, Soelas e Son do Mar) lucirá na súa bandeira.
Durante a súa intervención, a delegada territorial destacou a importancia da celebración na que se rende homenaxe á muller ferrolá e comprometeu o respaldo do Goberno galego á consecución do recoñecemento de Festa de Interese Turístico Nacional.
Destacou ademais que a Xunta ten incrementado este ano o orzamento das axudas anuais ás Festa de Interese Turístico de Galicia ata os 500.000 euros, así como o apoio que recibe cada beneficiario, pasando de 3.000 ata un máximo de 4.000 euros.