A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático reuniuse co director da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña

Ángeles Vázquez salienta a riqueza paisaxística do litoral galego como sinal de identidade da comunidade

A responsable autonómica comprométese a estudar a posibilidade de que a Xunta colabore no XIII Congreso Docomomo Ibérico que reunirá en 2025 na cidade da Coruña a profesionais do sector para falar de arquitectura e infraestruturas da paisaxe costeira

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2024

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, salientou a riqueza paisaxística do litoral galego como sinal de identidade da Comunidade durante a reunión que mantivo co director da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña, Miguel Abelleira.

Nesa liña, durante o encontro celebrado hoxe en Santiago de Compostela, analizaron diversas liñas de colaboración, entre as que se atopa a celebración na Coruña, o vindeiro ano 2025, do XIII Congreso Docomomo Ibérico baixo o título A modernidade marítima. Arquitecturas e infraestruturas da paisaxe litoral 1925-1975, que se enmarca nas numerosas actuacións que leva a cabo a organización internacional Docomomo co obxecto de inventariar, divulgar e protexer o patrimonio arquitectónico do Movemento Moderno.

Logo de poñer en valor que ese encontro se celebre na Comunidade, a conselleira reiterou o compromiso da Xunta coa preservación e conservación da paisaxe con iniciativas como a aposta polo fermosismo, con dúas liñas de axudas que se convocarán en xaneiro cun orzamento global de 2 M€ para mellorar a imaxe exterior de vivendas, inmobles e equipamentos municipais, ou a concesión da Bandeira Verde de Galicia a aqueles concellos que impulsan diferentes tipos de accións e boas prácticas para ordenar o territorio e protexer a paisaxe.

A maiores, no que atinxe ao litoral, Ángeles Vázquez lembrou que Galicia se converteu na primeira comunidade autónoma en regular por lei a franxa costeira en toda a súa extensión. De feito, a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia ten como obxectivos garantir o bo estado dos ecosistemas costeiros desde unha tripla perspectiva -ambiental, social e económica- así como un aproveitamento sostible dos seus recursos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/12/2024