A Xunta destaca o papel do Laboratorio de Consumo de Galicia como líder estatal no control de alertas de produtos garantindo a súa calidade e seguridade
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, sinalou hoxe no Parlamento que a comunidade autónoma galega é a única de España con laboratorio de consumo propio acreditado pola ENAC co fin de blindar os dereitos dos consumidores
Explicou que o labor deste centro se enmarca no do Instituto Galego do Consumo e da Competencia e que ambas entidades contan con 30 anos de actividade, período no que o laboratorio analizou máis de 10.000 produtos postos no mercado galego
Puxo en valor o labor dos técnicos que traballan neste centro e que participan na elaboración de normas de seguridade a nivel nacional e internacional
En relación co comercio de proximidade, salientou o apoio ao sector a través de medidas como a ampliación dos Bonos Activa Comercio, as axudas á transformación dixital e modernización do sector comercial e artesanal ou os plans formativos
Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2024
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, salientou hoxe o papel do Laboratorio de Consumo como líder estatal no control e comunicación de alertas de produtos, o que contribúe a facer máis seguro o mercado. Nesta liña, subliñou que Galicia é a única comunidade autónoma de España con laboratorio de consumo propio acreditado pola ENAC (que avalía a competencia técnica para a certificación e inspección) consolidándose como referente nacional co fin de blindar os dereitos dos consumidores e potenciar o comercio local.
Así o expuxo na comisión 6ª de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo do Parlamento, onde explicou que o labor deste centro se enmarca no do Instituto Galego do Consumo e da Competencia e que ambas entidades contan con 30 anos de actividade. Neste tempo, lembrou, o laboratorio leva analizado máis de 10.000 produtos postos no mercado galego e que tamén é pioneiro na avaliación da seguridade e da calidade dos produtos adquiridos por internet.
A isto engadiu que desde o 2005 este laboratorio leva comunicado e retirado do mercado máis de 1.700 produtos inseguros, entre os que destacan xoguetes e punteiros laser. Ademais, no 2023 consolidouse como laboratorio de consumo de referencia para ensaios doutras comunidades autónomas como Madrid.
Gabriel Alén tamén puxo en valor o labor dos técnicos que traballan neste centro dependente da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e que participan na elaboración de normas de seguridade a nivel nacional e internacional. Un traballo, explicou, que se suma e complementa co do Instituto Galego de Consumo e Competencia e co de concienciación que realiza Escola Galega de Consumo.
Apoios ao comercio local
O director xeral tamén respondeu a outra pregunta sobre apoios aos comerciantes para impulsar o sector. Neste sentido, salientou a ampliación con 2,5 M€ da sexta edición dos Bonos Activa Comercio, sumando un total de 7,5 M€ e mobilizando máis de 35 M€ en compras este ano.
Tamén fixo referencia ás axudas dirixidas á transformación dixital e modernización do sector comercial e artesanal ás que no 2025 se destinarán preto de 4 M€ e ao apoio para o desenvolvemento de plans formativos para este sector. Neste ámbito, citou como exemplo formacións realizadas no comercio local de concellos como Lalín, O Barco de Valdeorras, Quiroga, Vigo, Xinzo de Limia ou Ribadavia.
En relación co asociacionismo, salientou a colaboración do Goberno galego coas federacións galega e provinciais de comercio, así como coas sectoriais e puxo o relevo o seu protagonismo no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, xa que forman parte do proceso participativo de elaboración desta folla de ruta, que está previsto presentar no primeiro trimestre do ano que vén.