A Xunta somete a información pública o proxecto para a mellora de 31 paradas de autobús na rede de estradas da área urbana de Pontevedra

Actuarase en 4 estradas de titularidade autonómica ao seu paso polos municipios de Poio, Marín e Pontevedra, cun investimento de máis de 1,3M€

Intervirase en 15 paradas no municipio de Poio, en 13 en Marín e en 3 en Pontevedra

Os traballos incluirán a dotación de marquesiñas, a mellora da accesibilidade con ramplas, información en braille e o incremento da visibilidade e iluminación

As persoas interesadas poderán presentar alegacións por un prazo de 30 días hábiles, a contar a partir deste vindeiro luns 

A Xunta segue a avanzar no Plan de mellora da seguridade e accesibilidade das paradas de autobús nas estradas autonómicas, co que a Xunta ten previsto investir arredor de 35 M€ para a mellora de máis de 1.100 paradas en toda Galicia

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2024

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, somete a información pública o proxecto para a mellora da accesibilidade e conectividade de 31 paradas de autobús situadas na rede de estradas de titularidade autonómica no ámbito das rutas da área urbana de Pontevedra, que suporá un investimento de máis de 1.3M€.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou hoxe o anuncio deste trámite para a mellora destas paradas de autobús en 4 estradas autonómicas ao seu paso polos municipios de Poio, Marín e Pontevedra.  

As intervencións que se propón levar a cabo céntranse nas estradas PO-308 e PO-310, ao seu paso  polo concello de Poio; PO-551 e PO-313, no concello de Marín; e na PO-223, xa no municipio de Pontevedra.

En concreto, Intervirase en 15 paradas no municipio de Poio, en 13 en Marín e en 3 en Pontevedra. 

Co procedemento que hoxe anuncia o DOG, tamén se somete a información pública a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados pola realización desta actuación. En total, son 55 fincas privadas, cunha superficie de 3.423,23 m2.

As persoas interesadas poderán presentar alegacións ao citado proxecto, por un prazo de 30 días hábiles, a contar a partir deste vindeiro luns, día 16. 

A Xunta ten como obxectivo poder aprobar o proxecto a mediados de 2025, para a continuación realizar a convocatoria de levantamento de actas previas das expropiacións e licitar a execución das obras ao final do vindeiro ano ou principios de 2026. O prazo de execución das obras é de 10 meses.

O proxecto enmárcanse no Plan de infraestruturas da Xunta para unha mobilidade segura, verde e intelixente, e son susceptibles de financiación dos fondos europeos FEDER 21/27.

Intervencións proxectadas

As intervencións proxectadas consisten, entre outras, na mellora dos apartadoiros para os autobuses e as súas cuñas de entrada e saída, así como no acondicionamento dos itinerarios peonís na contorna das paradas.

Os traballos  comprenden a colocación de refuxios de tipo rural e urbano, en función do lugar onde se encontre a parada, mellorando o equipamento, con postes, bancos ou apoio isquiático. Os refuxios a instalar foron deseñados pola Dirección Xeral de Mobilidade, dependente da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

Tamén se levará a cabo a mellora da accesibilidade para peóns, en xeral, e para persoas con mobilidade reducida, a través de medidas como a conexión das paradas cos itinerarios peonís, a execución de ramplas de acceso, información en braille ou pavimento podotáctil.

As obras incluirán medidas de seguridade, tamén con perspectiva de xénero, e eliminación vexetación na zona de instalación dos refuxios, deseñados con paneis transparentes para que sexa visible a zona interior, o que mellorará a visibilidade, ademais de  mellorar a iluminación ou á ampliación do espazo ao redor das propias paradas.

Tamén se levarán a cabo traballos de reforzo do firme naqueles puntos nos que se instalen as citadas marquesiñas.

Con estas melloras preténdese fomentar o uso do transporte público, diminuíndo os movementos de corto e medio percorrido en transporte privado, con orixe e/ou destino nas cidades de maior poboación.

A Xunta segue a avanzar nestes proxectos no marco do Plan de mellora da seguridade e accesibilidade das paradas de autobús nas estradas autonómicas, co que a Xunta ten previsto investir arredor de 35 M€ para a mellora de máis de 1.100 paradas en toda Galicia.

Data de actualización: 13/12/2024