A Xunta e o Concello de Pontevedra acordan manter en 2025 as bonificacións no transporte urbano e as liñas de autobús de interese municipal ata 2028

Prorrógase un ano máis o convenio que aplica a rebaixa de 50 céntimos nas viaxes urbanas e a bonificación dos transbordos no municipio

O acordo polo que se implantaron as liñas urbanas amplía a súa vixencia por outros catro anos, ata 2028

As medidas de fomento do uso do transporte público da Xunta impulsaron un crecemento da demanda nas viaxes urbanas en Pontevedra dun 21 % con respecto ao ano pasado

Máis de 8.300 usuarios do concello de Pontevedra poden viaxar gratis en toda a comunidade grazas á tarxeta Xente Nova e á Tarifa +65

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2024

A Xunta e o Concello de Pontevedra acordaron manter en 2025 as bonificacións no transporte urbano e as liñas de autobús de interese municipal ata 2028 a través dun convenio asinado hoxe. Prorrógase así a colaboración pola que desde 2021 se activaron descontos nas viaxes de autobús realizadas dentro do municipio e se puxeron en marcha as dúas liñas urbanas que se prestan a través das concesións de transporte público autonómico.

O acordo de mellora das tarifas, que anticipa as actuacións de promoción do transporte público que se implantarán a través da Área de Transporte de Galicia, estenderá a súa duración un ano máis, ata o 31 de decembro de 2025. Así, en canto ás vantaxes económicas para os usuarios, o próximo ano manterase o desconto de 50 céntimos no prezo dos billetes das viaxes con orixe e destino no termo municipal de Pontevedra, así como a bonificación dos transbordos.

Ademais destas melloras nas tarifas activadas mediante o convenio de colaboración co Concello, os usuarios benefícianse dos descontos e bonificacións que se aplican con carácter xeral no transporte público interurbano co pago das Tarxetas de Mobilidade de Galicia. Entre elas figuran a rebaixa directa do 10 % no prezo dos billetes que se paga con esta tarxeta; o desconto adicional do 50 % que a Xunta vén aplicando desde setembro de 2022; a gratuidade para os menores de 21 anos a través da tarxeta Xente Nova; ou a gratuidade para os maiores de 65 anos que se activou o pasado 1 de xaneiro.

Por outra banda, o convenio de colaboración co Concello que implantou as liñas Estacións-A Xunqueira-Monteporreiro (Circular L1) e Praza Galicia-Montecelo-Monteporreiro (Circular L2), como servizos de interese municipal, amplía a súa vixencia por outros catro anos, ata o 31 de decembro de 2028.

O conxunto das medidas de fomento do uso do transporte público da Xunta impulsou un crecemento da demanda nas viaxes urbanas de Pontevedra dun 21 % con respecto ao ano pasado, superando os 600.000 viaxeiros ata setembro, fronte ás 500.000 do mesmo período de 2024. Nos primeiros nove meses do ano, o 83 % dos usuarios das viaxes urbanas de Pontevedra beneficiáronse dos descontos nas tarifas polo pagamento coas Tarxetas de Mobilidade de Galicia, TMG e Xente Nova.

No concello de Pontevedra, máis de 2.900 maiores de 65 anos e máis de 5.400 menores de 21 anos poden viaxar gratis por toda a comunidade grazas á Tarifa +65 e á tarxeta Xente Nova.

Cómpre lembrar que este acordo se suma á prórroga da área de transporte metropolitano de Vigo durante 2025 e aos convenios das áreas da Coruña, Ferrol, Lugo e Santiago de Compostela ata 2028, que veñen de renovarse.

Data de actualización: 13/12/2024