Villares e Gómez nomeados novos patróns da Fundación Dieta Atlántica da Universidade de Santiago de Compostela
O titular de Mar enxalzou o labor desta entidade no fomento da investigación e a difusión da Dieta Atlántica polos seus beneficios para a saúde e benestar da cidadanía na que os produtos pesqueiros son un dos grandes protagonistas
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, agradeceu a súa designación como nova patroa da Fundación e puxo en valor a Dieta Atlántica como referente dunha alimentación saudable, variada e sustentable
Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2024
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, e a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, foron nomeados novos patróns da Fundación Dieta Atlántica da Universidade de Santiago de Compostela. O titular de Mar enxalzou o labor que desempeña esta entidade que ten como obxecto o fomento do estudo, a investigación e a difusión da dieta atlántica polos seus beneficios para a saúde e benestar da cidadanía.
O responsable autonómico destacou que os produtos pesqueiros son un dos seus piares nos que o consumidor pode atopar calidade, sabor e unhas propiedades nutritivas excepcionais que permiten previr diferentes enfermidades ou doenzas. Nesta liña, situou á Fundación como unha aliada excepcional para continuar traballando na concienciación da sociedade da importancia de introducir no seus hábitos de consumo o peixe, o marisco e as conservas.
Pola súa banda, a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, agradeceu a súa designación como nova patroa da Fundación e comprometeuse a seguir colaborando con esta entidade na difusión e posta en valor dos produtos agroalimentarios galegos a través da Dieta Atlántica.
Neste mesmo sentido, Gómez subliñou tamén a importancia das experiencias de calidade de Galicia, é dicir, dos produtos do noso agro amparados por distintivos de calidade diferenciada, na conformación da devandita Dieta Atlántica, que constitúe -subliñou- unha referencia en canto á alimentación saudable, variada e sustentable.