Miguel Corgos pon en valor o traballo dos empregados públicos para lograr unha administración máis eficiente, moderna e innovadora

O conselleiro de Facenda e Administración Pública participou no acto de entrega da sexta edición dos Premios ao Empregado Público Innovador

Destacou a incorporación dunha nova categoría nos galardóns deste ano, para afondar na racionalización e simplificación dos procesos administrativos

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2024

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, puxo en valor o traballo dos empregados públicos para lograr unha administración máis eficiente, moderna e innovadora, capaz de satisfacer as necesidades da cidadanía. Fíxoo durante o acto de entrega da sexta edición dos Premios ao Empregado Público Innovador, nos que estivo acompañado do director xeral de Simplificación Administrativa, José María Barreiro e da directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, o no que tamén destacou que varios dos proxectos gañadores en edicións anteriores do galardón xa están a ser aplicados.

Miguel Corgos subliñou que a Xunta quere contribuír a lograr unha Administración pública do século XXI, dinámica, implantando condicións de traballo que conduzan a unha Función Pública galega moderna. Neste sentido incide unha nova categoría incorporada aos galardóns desta edición, Simplificación Administrativa, que responde a unha vella demanda da cidadanía, a racionalización administrativa e a simplificación de procedementos mediante a axilización de trámites.

Para o responsable da Facenda galega, o sector público non difire moito das empresas e do que as fai competitivas e para iso mellora os servizos e procesos nun esforzo colectivo, xa que son os empregados públicos os que fan o esforzo de pensar de xeito diferente para avanzar nunha administración máis innovadora e próxima á cidadanía.

O Goberno galego aposta pola innovación en todas as políticas públicas, de xeito transversal en todos os seus departamentos, desde hai máis dunha década. Para Miguel Corgos o proceso comezou coa capacitación, o cambio de cultura e a formación, seguiu coa creación de incentivos, como os premios que se entregaron hoxe e avanza coa creación da comisión interdepartamental de I+D+i, un espazo de traballo no que están representados máis de 32 departamentos da Xunta.

Tamén puxo en valor a  Compra Pública de Innovación. Galicia é pioneira neste instrumento e vai presentar nove proxectos á próxima convocatoria que abrirá o Ministerio para apoiar este tipo de iniciativas, sendo a Comunidade autónoma máis activa.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/12/2024