A Xunta comprobou a efectividade dos plans de emerxencias de Protección Civil con seis simulacros ao longo deste ano
O obxectivo dos exercicios desenvolvidos é facerlle fronte a unha hipotética situación de emerxencia e probar a eficacia das medidas deseñadas
Centráronse nun accidente aéreo, lumes forestais e riscos químicos en contornas industriais
Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2024
A Xunta comprobou a efectividade dos plans de emerxencias de Protección Civil con seis simulacros ao longo deste ano, catro deles con traballos de campo e dous a través de simulacións. Trátase de accións dirixidas a facerlle fronte a unha hipotética situación de emerxencia, derivada dun suposto accidente ou catástrofe, para comprobar a eficacia dos plans de emerxencia deseñados e definir posibles medidas de mellora.
Os obxectivos dos exercicios son a constatación da calidade da coordinación entre os grupos operativos e a avaliación da capacidade para a toma de decisións dos órganos de xestión, así como o ensaio das medidas recollidas nos manuais operativos e dos procedementos dos distintos participantes. Para levalos a cabo establecéronse as fases de programación, atendendo ás necesidades de implantación, mantemento e actualización dos plans; planificación, con xuntanzas específicas para cada exercicio; execución, coa posta en práctica das actividades previstas; e avaliación sobre a idoneidade da resposta.
O primeiro simulacro do ano desenvolveuse na contorna do aeroporto de Santiago de Compostela por un suposto accidente para comprobar a eficacia do Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (Platerga). Arredor de 250 persoas e representantes de máis 30 institucións, organizacións e empresas participaron no exercicio, desenvolvido na zona exterior do aeroporto, no concello de Boqueixón. Ademais do Platerga, activouse o plan de atención a familiares e o protocolo nacional de actuación médico forense e de policía científica en sucesos con vítimas múltiples.
Xa en datas próximas ao verán realizáronse dous simulacros para poñer a proba a efectividade do Plan Especial ante o Risco de Incendios Forestais (Peifoga), un deles na área Valga-Pontecesures-Padrón-A Estrada e outro en Carnota. No primeiro deles mobilizáronse medios terrestres e aéreos ante catro focos simultáneos e probouse tamén a coordinación co Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga). No segundo, realizouse unha simulación do despregamento do Posto de Mando Avanzado por un lume no monte PIndo para reforzar a coordinación entre mandos e persoal técnico de emerxencias e incendios forestais.
Os Plans de Emerxencia Exterior (PEE) por risco químico sumaron tres exercicios relacionados coas empresas Gasib, no concello de Maside, e Exolum de Vigo, así como co Polígono Industrial A Grela-Bens, na Coruña. Neste último caso, o simulacro serviu tamén para darlle a coñecer á poboación o sistema Es-Alert, que lle permite á Xunta enviar mensaxes instantáneas de alerta a través do CIAE-112 Galicia
O conxunto dos simulacros de emerxencia realizados en 2024 permitiron que as persoas responsables coñezan e entendan mellor as súas funcións no caso dunha situación de emerxencia, especialmente cando sexa preciso activar un plan de protección civil debido á súa gravidade. Facilitaron tamén a proposta de medidas correctoras para manter os plans actualizados.
Ponse tamén de manifesto a gran preparación previa, realista e acorde coas prioridades detectadas que requiren estes exercicios, xa que implican a participación de persoal de diferentes departamentos da Xunta e doutras administracións, como poden ser bombeiros, protección civil municipal, forzas e corpos de seguridade, e persoal sanitario.