Un total de 4.244 estudantes beneficiáronse das axudas da Xunta para realizar prácticas formativas en Galicia, España ou no estranxeiro este ano

A Consellería de Educación e FP destina preto de 1M€ a compensar aos alumnos polos gastos de desprazamento, cunha contía máxima que acada os 374€ por beneficiario

Trátase da resolución do primeiro prazo da convocatoria, ao que se engadirá un segundo prazo para as persoas que rematarán as prácticas no último trimestre do ano

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2024

Un total de 4.244 estudantes de FP beneficiáronse este ano das axudas de desprazamento da Xunta para a realización de prácticas formativas en Galicia, no resto de España ou no estranxeiro, ás que o Goberno galego destina preto de 1M€.

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP acaba de resolver no Diario Oficial de Galicia a adxudicación da primeira fase desta convocatoria dirixida ao alumnado que rematou a súa formación práctica en centros de traballo (FCT) no primeiro semestre deste ano, así como o alumnado da modalidade de FP Dual do curso 2023-24. Esta primeira resolución completarase cunha segunda fase de pagamento para aquelas persoas están nestes momentos realizando as prácticas no período de setembro a decembro e que rematarán o día 31 deste mes.  

O obxectivo desta liña, que se enmarca na Estratexia FP Galicia 2030, é axudar ao alumnado parcialmente cos gastos derivados da realización das prácticas, que se desenvolven na empresa, ao tempo que se favorece a mobilidade das persoas que desexan formarse ou contribuír a actividades de formación noutros países, o que permite a mellora das competencias lingüísticas e profesionais.  

Este ano, a Consellería destina un total de 963.500€ para esta convocatoria á que pode concorrer o alumnado matriculado en ciclos formativos de grao básico, grao medio ou grao superior, cursos de especialización, artes plásticas e deseño, ensinanzas deportivas e programas formativos ou nalgún ciclo de FP Dual.

Contías en función do destino

A convocatoria establece dúas modalidades en función dos destinatarios. Na modalidade A, destinada a quen realice a formación dentro do territorio español, a contía da axuda dependerá de onde se realicen as prácticas, e o número de xornadas.

Así, o alumnado que realice a FCT ou a FP Dual dentro da comunidade autónoma recibirá ata un máximo de 375€, sempre que  o concello do centro de traballo non sexa o mesmo que o concello do centro educativo ou o de residencia do estudante durante ese período. A contía a percibir polo alumnado establécese en función do número de xornadas realizadas no módulo de FCT ou, no caso da FP Dual, do número de xornadas de permanencia na empresa.

No caso do alumnado que realiza a formación fóra da comunidade autónoma, a contía varía en función do país de destino. En todo caso establécese un montante de entre 100 e 175€ por semana dependendo do custo da vida do país escollido.  

Data de actualización: 28/12/2024