O presidente da Xunta participou no acto de reapertura xunto co ministro de Transporte e o presidente de Castela e León
Rueda destaca que o restablecemento completo do viaduto do Castro mellorará as conexións de Galicia coa meseta tras máis de 3 anos de obras
Asegura que se trata dunha infraestrutura moi importante “que vertebra España e une dúas comunidades irmáns”
Recordou que Galicia reclamou que se acometese a reconstrución dos dous viadutos polo procedemento de emerxencia, unha demanda que o Goberno central finalmente aceptou
Salienta o compromiso da Xunta coa conservación das estradas ao destinar no 2025 “70 M€” a este eido, “unha cifra récord”
Reivindicou a necesidade de avanzar no rescate e transferencia da AP-9
Vega de Valcarce (León), 30 de decembro de 2024
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe que o restablecemento completo do viaduto do Castro mellorará as conexións de Galicia coa meseta tras máis de tres anos de obras. “Hoxe é un día moi importante para Galicia, Castela e León e toda España porque esta infraestrutura vertebra ao noso país e une dúas comunidades irmáns”, salientou.
O titular do Executivo galego participou hoxe no acto de reapertura desta infraestrutura, no que tamén estiveron presentes o ministro de Transporte e Mobilidade Sostible, Óscar Puente, e o presidente de Castela e León, Alfonso Fernández Mañueco. Rueda destacou que a posta en marcha deste treito supón unha “boa noticia” para “os cidadáns, os transportistas e as empresas”.
Rueda recoñeceu a complexidade dos traballos e agradeceu que o Goberno central aceptase, finalmente, as reclamacións de Galicia para que se acometese a reconstrución dos dous viadutos polo procedemento de emerxencia, toda vez que esta é unha vía vital para a conexión de Galicia que quedou relegada, durante estes anos, ao emprego dun só carril.
O presidente reflexionou tamén sobre a necesidade de empregar esta experiencia como aprendizaxe, de cara a seguir afondando nun diálogo permanente coas comunidades en materia de infraestruturas e en continuar investindo en prevención para evitar sucesos coma este. “Temos que aprender dos erros e dos acertos. É fundamental, construír e conservar ben, é dicir, planificar as infraestruturas”, indicou.
Neste sentido, salientou o compromiso da Xunta coa planificación e conservación de infraestruturas. Rueda lembrou que no 2025 se chegará a unha cifra récord de “70 millóns de euros para conservación de estradas”, que a Xunta vén de “rescatar catro autoestradas con peaxes en sombra” e que vai subir “o mínimo” as peaxes nas autovías autonómicas, mantendo a conxelación dos anos anteriores. Deste xeito, a AG-57 e a AG-55 seguirán sendo das máis baratas de España.
Por iso, pediu ao Goberno central a mesma vontade política e, especialmente, reivindicou a necesidade de avanzar por fin no rescate e transferencia da AP-9.