Belén do Campo destaca o exemplo de inclusion laboral de Carmen Álvarez como emprendedora no marco de Artesanía de Galicia
Esta artesá é a propietaria de Carmelamola, no mercado de San Agustín, unha marca de bixutería que forma parte de Artesanía de Galicia dende o ano 2023
A Coruña, 2 de xaneiro de 2025
A delegada da Xunta, Belén do Campo, visitou o obradoiro artesanal Carmelamola, a primeira tenda dunha persoa con síndrome de Down en España. A delegada subliñou o gran exemplo de autoemprego, emprendemento e de inclusión laboral dentro de Artesanía de Galicia, marca da que forma parte Carmelamola dende o ano 2023.
Carmelamola é un obradoiro de bixutería artesanal impulsado por Carmen Álvarez de 23 anos. Durante a visita, a delegada destacou o papel fundamental que desempeñan iniciativas coma estas na posta en valor do talento artesanal e na promoción da igualdade de oportunidades no ámbito laboral. “Este proxecto é un exemplo inspirador de como a inclusión, o esforzo e a creatividade poden xerar impacto positivo na nosa sociedade, preservando ao mesmo tempo as nosas tradicións culturais”, sinalou.
A Xunta de Galicia, a través do seu programa Artesanía de Galicia, reafirma o seu compromiso co sector artesanal e coa promoción da igualdade de oportunidades, considerando ambos os dous aspectos como piares esenciais para a economía local e a identidade cultural da comunidade.
Recoñecementos
No ano 2018 Carmelamola quedou finalista na categoría de deseño de xoias do programa Xuventude Crea. Un ano máis tarde, gañou o premio eWoman Coruña ao mellor negocio online que concede o grupo Prensa Ibérica e resultou finalista nos premios Yo Participo, da Fundación Garrigou. En 2020 recibiu o premio Emprende na categoría de Responsabilidade Social Corporativa que promove AJE A Coruña e, en 2022, a Confederación Nacional de Centros Especiais de Emprego recoñeceu o seu traballo co premio á integración laboral das persoas con discapacidade.
Artesanía e inclusión
En Galicia existen un total de oito centros especiais de emprego cuxos talleres ocupacionais de artesanía están incluídos no selo Artesanía de Galicia: Artefíos (A Coruña), I-Lab Centro Especial de Empleo (A Coruña), Aixiña Artesanía (Ourense), Asociación de Persoas con Parálise Cerebral Apamp (Vigo), Asociación Saúde Mental da Mariña (Cervo), Aspnais (Lugo), Cerámica Eu Son (Burela) e HC San Rafael (Vigo). Estas entidades traballan con oficios como o tecido artesanal, a talla de pedra, a cerámica, a encadernación, a xoiería, o papel, os mosaicos ou a marroquinería.