A Xunta destaca o papel da praza de abastos de Vilanova na dinamización do comercio local

Vilanova de Arousa (Pontevedra), 3 de xaneiro de 2025

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, destacou o papel praza de abastos de Vilanova de Arousa na dinamización do comercio local. Fíxoo no marco dunha visita a este mercado, que foi un dos beneficiarios da última convocatoria de achegas para levar a cabo, tanto accións necesarias para a obtención do selo Mercado Excelente, como melloras nos mercados, co fin de afondar na revitalización destes espazos comerciais como vertebradores do territorio e xeradores de riqueza e emprego.

Nela resultaron beneficiarios 28 municipios e 19 asociacións e federacións de prazas de abastos, entre elas a de Vilanova de Arousa, para a dinamización comercial e mantemento das súas webs de venda electrónica. No mercado deste municipio instalouse unha pantalla para proxectar co apoio da Xunta contido dinamizador e a prol do consumo local. Gabriel Alén salientou a importancia de iniciativas coma esta para atraer a clientela nova a este tipo de instalacións aproveitando as posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías e lembrou  que os mercados de abastos terán un importante papel dentro do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, que se presentará no primeiro trimestre deste ano.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/01/2025