O conselleiro de Sanidade aborda coa asociación de axuda a nenos oncolóxicos Asanog a atención do cancro infantil
Antonio Gómez Caamaño traslada a previsión de mellorar os espazos destinados á oncoloxía pediátrica no marco das obras de ampliación do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago
Remarca que a Xunta está a avanzar no Centro de Protonterapia de Galicia, que tratará especialmente pacientes oncolóxicos con longa supervivencia, sobre todo, poboación infantil
Santiago de Compostela, 9 de xaneiro de 2025
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, reuniuse na tarde de hoxe con integrantes da Asociación de axuda a nenos oncolóxicos de Galicia (Asanog), encabezados polo seu novo presidente, Gonzalo Autrán.
No marco do encontro, o conselleiro referiuse ás obras de ampliación que se están a levar a cabo no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, uns traballos que van permitir mellorar os espazos destinados á oncoloxía pediátrica.
O titular de Sanidade detallou ademais que, para avanzar na atención do cancro infantil na sanidade pública, a Xunta está a avanzar nas obras do Centro de Protonterapia de Galicia, que tratará especialmente aqueles pacientes oncolóxicos con longa supervivencia, sobre todo, poboación infantil. Está previsto que o Centro de Protonterapia de Galicia estea tratando pacientes xa no vindeiro ano.
O titular de Sanidade lembrou tamén a colaboración entre Asanog e a Xunta, a través do Servizo Galego de Saúde, para o desenvolvemento dos proxectos integrados no programa ‘Meu Ben’ da asociación, que ten como obxectivo prioritario que ningún neno, nin a súa familia, teña que afrontar un tratamento oncolóxico sen o mellor apoio psicosocial posible.