A directora xeral de Patrimonio Natural participou hoxe en representación de Galicia nunha xornada organizada pola Cámara Municipal de Arcos de Valdevez

A Xunta destaca a importancia de seguir traballando da man de Portugal no impulso da reserva de biosfera Gerês-Xurés

Trátase do único espazo transfronteirizo deste tipo declarado na comunidade galega e abrangue unha superficie de máis de 330.000 hectáreas a ambos lados da fronteira

Arcos de Valdevez (Portugal), 13 de xaneiro de 2025

A Xunta destaca a importancia de seguir traballando da man de Portugal na xestión e execución de novos proxectos que contribúan a seguir impulsado a Reserva de Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés, declarada no ano 2009 pola Unesco e a única deste tipo existente en Galicia.

Así o salientou esta mañá a directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, quen asistiu en representación do Goberno galego ao acto oficial de presentación de proxectos a realizar no Parque Nacional da Peneda Gerês, apoiados polo Fondo Ambiental portugués, que se celebrou en Porta do Mezio, na localidade de Arcos de Valdevez e unha das cinco entradas naturais a este espazo protexido.

Presidida pola ministra de Ambiente e Enerxía, Maria da Graça Carvalho, a xornada serviu para expoñer os principais proxectos no eido da conservación da natureza e mellora das condicións para os visitantes que ten previsto impulsar o Goberno luso no parque nacional no marco do chamado Fondo Ambiental.

Cunha extensión total de 330.874 hectáreas, cómpre lembrar que a Reserva de Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés se sitúa nunha zona ao suroeste da provincia de Ourense, entre Galicia e Portugal, conformando un espazo natural dividido polas fronteiras, pero unido polas características da natureza e a cultura, unha rede hidrográfica densa, ecosistemas en bo estado de conservación e especies de fauna e flora de excepcional interese para a conservación da natureza e a biodiversidade.

Comprende os concellos de Bande, Calvos de Randín, Entrimo, Lobeira, Lobios e Muiños na parte galega e Arcos de Valdevez, Melgaço, Montalegre, Ponte da Barca e Terras de Bouro no norte de Portugal.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/01/2025