A Xunta concede axudas a empresas de Ferrolterra por valor de preto de 50.000 euros para fomentar a contratación de mulleres en sectores masculinizados
A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá a firma Camoga e outros SL beneficiaria desta convocatoria da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Avanza que esta medida pioneira coa que o Goberno galego pretende reducir a brecha de xénero contará este ano cun orzamento específico de 1,7 M€ no marco da nova convocatoria Galicia Emprega
Ferrol, 14 de xaneiro de 2025
A Xunta concedeu este ano axudas por valor de 49.500 euros a dúas empresas de Ferrolterra para a contratación de tres de mulleres en sectores masculinizados. A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, deu conta da resolución da convocatoria no marco dunha visita a unha das firmas beneficiarias, Camoga e outros SL, que recibiu unha subvención de 15.000 euros para a contratación dunha técnica en construción.
Aneiros, que estivo acompañada polo director territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Juan José Couce, lembrou que Galicia foi pioneira o pasado ano en poñer en marchas estas axudas dirixidas aos sectores tecnolóxicos ou industriais de alto valor engadido como as TIC ou actividades profesionais científicas e técnicas como enxeñería en construción e obra civil, enxeñerías vinculadas co deseño e análise de software ou profesións ligadas ás ciencias químicas e ambientais.
Puntualizou que o obxectivo é reducir a fenda de xénero que aínda existe nalgún ámbito e avanzou a continuidade desta orde de axudas á que a Xunta destinará este ano 1,7 M€ no marco dos máis de 20 M€ do Programa Galicia Emprega, analizado onte no Consello da Xunta. “Desde o Goberno galego apostamos por políticas que axuden a equilibrar a presencia masculina e feminina nas profesións emerxentes e de futuro a través de convocatorias coma esta coa que se da cumprimento á Lei para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia”, indicou.