A directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático visitou hoxe varias actuacións levadas a cabo no municipio
A Xunta pon en valor o compromiso ambiental do concello de Mos co desenvolvemento do Plan de acción para o clima e a enerxía sustentable
Paula Uría salienta que estes plans son follas de ruta fundamentais de cara a mellorar a eficiencia enerxética, utilizar fontes de enerxía renovables, aumentar a resiliencia e reducir as emisións de CO2
Para seguir promovendo iniciativas que contribúan a converter Galicia nun refuxio climático, a Xunta presentou a Rede local polo clima co fin de coordinar as actuacións para aproveitar sinerxías na loita contra o quecemento global
Mos (Pontevedra), 14 de xaneiro de 2025
A Xunta puxo hoxe en valor o compromiso ambiental do Concello de Mos co desenvolvemento do Plan de acción para o clima e a enerxía sustentable (PACES), que se enmarca no Pacto das Alcaldías polo Clima e a Enerxía.
Durante unha visita que realizou hoxe a este municipio pontevedrés, a directora xeral de Enerxías Renovables e cambio Climático, Paula Uría, indicou que o 92% dos concellos adheridos ao Pacto das Alcaldías polo Clima e a Enerxía xa elaboraron o correspondente PACES, que é unha folla de ruta fundamental de cara a mellorar a eficiencia enerxética, utilizar fontes de enerxía renovables, aumentar a resiliencia e reducir as emisións de CO2.
Nesa liña, Paula Uría puxo como exemplo as actuacións incluídas no PACES elaborado polo Concello de Mos, e que xa foron postas en marcha como, entre outras, a substitución de equipos antigos por outros máis eficientes para reducir o consumo e a renovación de instalacións de iluminación pública así como da flota municipal de vehículos coa adquisición nos últimos anos de cinco vehículos híbridos con etiqueta ECO.
Nesta ocasión, a directora xeral, acompañada da alcaldesa da localidade, Nidia Arévalo, visitou a urbanización San Rafael, onde se renovou o pavimento co uso de cemento pulido co obxectivo de reducir a contaminación acústica así como coa utilización de cor claro no mesmo para frear a absorción de calor. A maiores, Paula Uría e Nidia Arévalo percorreron un tramo do carril bici que discorre polas parroquias de Torroso, Mos e Guizán, que permite á veciñanza desprazarse de xeito eficiente e sostible.
Ademais, na liña de continuar o traballo levado a cabo nos últimos anos polo Goberno galego promovendo iniciativas que contribúan a converter a Comunidade nun auténtico refuxio climático verde e sostible, a Xunta presentou o pasado ano a Rede local polo clima, que ten como obxectivo coordinar cos concellos as actuacións para aproveitar sinerxías na loita contra o quecemento global e, ao mesmo tempo, promover políticas locais de sustentabilidade ambiental, facilitando a xestión do coñecemento así como a difusión e intercambio de experiencias.