Martina Aneiros destaca a aposta da Xunta por adaptar a formación para o emprego ás necesidades reais da comarca de Ferrolterra
A delegada territorial da Xunta en Ferrol visitou esta mañá o centro formativo de Windar Renovables, no polígono industrial de Vilar do Colo, onde se está a impartir un curso de iniciación á soldadura apoiado polo Goberno galego
A acción formativa enmárcase no convenio de colaboración asinado entre a Xunta e Asime para a anualidade 2024-2025 coa finalidade de avanzar na cualificación e recualificación da poboación activa en sectores estratéxicos e mellora das capacidades para a transición ecolóxica
Fene (A Coruña), 15 de xaneiro de 2025
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do director de Recursos Humanos de Windar Renovables, Ignacio Robles, visitou esta mañá o centro formativo que a firma ten no polígono de Vilar do Colo, en Fene, no que se levan a cabo ao longo do ano diferentes cursos apoiados polo Goberno galego.
Durante a visita, na que tamén participaron o xerente da fábrica de Windar en Fene, Bruno Corcoba, e a técnico de formación de Asime, Emma González, Aneiros interesouse polo grao de satisfacción dos 12 alumnos que actualmente están a participar nun curso de iniciación á soldadura con este tipo de formación para o emprego.
A delegada territorial destacou a aposta do Goberno galego por “adaptar a formación para o emprego ás necesidades reais da contorna, neste caso nunca comarca moi vinculada ao sector industrial que busca reforzar o seu posicionamento no sector das enerxías renovables, o que nos permite obter unha integración laboral moi alta”, asegurou.
Como indicou, estes itinerarios forman parte das accións formativas desenvolvidas no marco do convenio de colaboración que a Xunta asinou para a anualidade 2024-2025 coa Asociación de Industrias del metal y Tecnoloxías asociadas de Galicia (Asime) coa finalidade de avanzar na cualificación e recualificación da poboación activa en sectores estratéxicos e mellora das capacidades para a transición ecolóxica.
Os cursos teñen unha duración de 380 horas e neles impártense contidos de carácter non formal vinculados á unidade ou unidades de competencia das cualificacións profesionais incluídas no Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais. Ademais do actual que concluíra o próximo mes de febreiro, impartíronse outros vinculados a operadores de ponte grúa, prevención de riscos laborais ou equipos de traballo en almacén.