Arranca o programa integrado de emprego da Mancomunidade do Salnés con 100 participantes e un investimento da Xunta de 220.000 euros
Durante este ano levaranse a cabo 31 PIEs na provincia de Pontevedra cun investimento total de preto de 6,8 millóns de euros
Reguera destacou o gran traballo que ten feito a Mancomunidade do Salnés nas últimas 12 edicións deste PIE
Sanxenxo (Pontevedra), 16 de xaneiro de 2025
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, participou esta mañá na inauguración da XIII edición do Programa Integrado de Emprego da Mancomunidade do Salnés.
Trátase dunha iniciativa que ten unha duración de 12 meses e que está financiada pola Xunta de Galicia con 220.000 euros. Este programa permite o seguimento e formación dun grupo de 100 desempregados co fin de mellorar a súa empregabilidade.
Na provincia de Pontevedra o investimento entre as nove entidades locais (concellos e mancomunidade) e as 22 asociacións e fundacións beneficiadas é de preto de 6,8 millóns de euros, que permitirán axudar a preto de 3.000 desempregados.
Cabe destacar que esta iniciativa está dirixida a persoas desempregadas que teñen dificultades para inserirse no mercado laboral. Así, ao longo da duración do programa os participantes levarán a cabo accións formativas destinadas a mellorar as súas aptitudes e facilitar o seu acceso ao mercado de traballo.
Durante todo o proceso formativo, o alumnado recibe asesoramento e orientación sobre aspectos prácticos como a motivación para buscar emprego, obradoiros de entrevistas, técnicas para potenciar as habilidades sociolaborais, elaboración de currículos ou inscrición en portais de emprego. Tamén hai accións enfocadas ao fomento da capacidade emprendedora e a prospección empresarial. Ademais, está prevista a realización de prácticas profesionais non laborais.
O delegado territorial aproveitou a súa intervención para animar a todos os participantes a “aproveitar esta gran oportunidade” e felicitar á Mancomunidade do Salnés por “realizar un traballo espléndido durante as pasadas 12 edicións, un traballo grazas ao cal conseguiron que máis de 1.000 persoas conseguisen unha oportunidade laboral”. Isto é “preto dun 85% de éxito anual”, concluíu Reguera.