A Xunta abre o prazo para que entidades locais e protectoras poidan solicitar as axudas dirixidas ao coidado dos animais domésticos abandonados

Cun orzamento global de 1,33 M€, case o triplo que na convocatoria anterior, os interesados poderán acollerse a estes incentivos ata o vindeiro 12 de setembro

O obxectivo é contribuír a financiar parte dos gastos destinados a garantir o coidado, a manutención e o benestar dos exemplares que os solicitantes teñan ao seu cargo

Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 2025

As entidades locais que acollan animais abandonados ou xestionen colonias felinas nos seus respectivos territorios e ás entidades protectoras legalmente constituídas e inscritas xa poden solicitar as axudas da Xunta dirixidas a apoialas no desenvolvemento deste labor.

O Diario Oficial de Galicia publicou este martes as ordes polas que se regulan as bases e se convocan para 2025 ambas liñas de subvencións, cun orzamento total de 1,33 millóns de euros, cifra que practicamente triplica os 450.000 euros das convocatorias de 2024.

O prazo para que os concellos e as entidades que figuran no Rexistro galego de asociacións para a protección e defensa dos animais de compañía poidan solicitalas abriuse hoxe e seguirá así ata o vindeiro 12 de setembro.

No caso concreto das axudas ás entidades locais, cun orzamento de 850.000 euros para este ano, entre os gastos subvencionables inclúense aqueles relacionados coa esterilización cirúrxica, a identificación mediante microchip, o pasaporte sanitario e a inscrición dos exemplares ao seu cargo no Rexistro galego de identificación de animais de compañía (Regiac), pero tamén os custos derivados da súa alimentación, vacinación preventiva e desparasitación, entre outras medidas profilácticas.

En canto á liña para apoiar ás protectoras titulares ou que xestionen algún centro de recollida autorizado en Galicia —dotada de 480.000 euros—, poderán solicitar axudas para cubrir calquera dos gastos mencionados e tamén para a compra de material e medios que necesiten para garantir a xestión e o manexo dos animais ao seu cargo —por exemplo, remolques de transporte, software, dispositivos electrónicos para mellorar a xestión do centro ou equipamento veterinario non consumible, entre outros—.

Así mesmo, todas as entidades protectoras debidamente rexistradas na comunidade tamén terán acceso aos incentivos da Xunta cando realicen campañas de concienciación, promoción da tenza responsable e fomento das adopcións, aínda que non xestionen nin sexan titulares dunha instalación dedicada a este fin.

Cómpre lembrar que con esta nova convocatoria das axudas a entidades locais e a asociacións protectoras dedicadas ao coidado de animais domésticos dáselle continuidade ao esforzo que vén realizando a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático neste eido durante os últimos nove anos.

Ademais, enmárcanse no paquete de 13 liñas de incentivos, cun orzamento global de case 7,5 millóns de euros, que ten previsto convocar este ano a Xunta co obxectivo común de apoiar diferentes tipos de accións e investimentos que contribúan á conservación da biodiversidade e do patrimonio natural de Galicia.

Data de actualización: 22/01/2025