Antonio Gómez Caamaño estivo acompañado na xuntanza pola delegada territorial da Xunta en Vigo, polo director xeral de Asistencia Sanitaria e polo xerente da área sanitaria

O conselleiro de Sanidade reúnese coa asociación Bicos de papel para abordar melloras para os nenos oncolóxicos do hospital Álvaro Cunqueiro

Na actualidade, unha media de 13 nenas e nenos de entre 0 e 16 anos de idade reciben terapia oncolóxica a diario no hospital de día do centro vigués

Vigo, 5 de febreiro de 2025

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, reuniuse hoxe con representantes da asociación Bicos de papel, que presta apoio aos nenos oncolóxicos do Hospital Álvaro Cunqueiro e que lle presentaron ao titular da carteira sanitaria os programas que teñen en marcha.

Á xuntanza, que tivo lugar na sede da Delegación territorial da Xunta en Vigo, asistiu a delegada territorial, Ana Ortiz; o director xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, Alfredo Silva; e o xerente da área sanitaria, Javier Puente. En representación da asociación asistiu a súa vicepresidenta, María Luisa García.

Grazas á colaboración existente entre o Servizo Galego de Saúde e a Asociación Bicos de papel, o Hospital Álvaro Cunqueiro conta desde maio do pasado ano cun espazo lúdico, o Parque dos Bicos, iniciativa desta asociación para que nenas e nenos con tratamento oncolóxico que pasan longas xornadas no Hospital de Día teñan un lugar no que poidan recibir ao aire libre as súas terapias.

Este espazo é o segundo que se abre no Álvaro Cunqueiro produto da colaboración entre Bicos de Papel e a Xerencia da área sanitaria de Vigo, logo da inauguración en 2023 da aula para pacientes oncolóxicos sita no andar de pediatría do hospital.

Na actualidade, unha media de 13 nenas e nenos de entre 0 e 16 anos de idade reciben terapia oncolóxica a diario no Hospital de Día do centro vigués.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/02/2025