A Xunta aposta pola unión de esforzos para impulsar a mobilidade sostible
A directora xeral de Mobilidade participou na rolda de prensa de presentación do 21º Congreso Ibérico ‘A bicicleta e a cidade’, que se celebrará en xuño en Compostela co apoio do Goberno galego
Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2025
A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, participou hoxe na presentación do 21º Congreso Ibérico A bicicleta e a cidade, que se celebrará do 26 ao 29 de xuño en Santiago de Compostela co apoio da Xunta, onde sinalou o evento como mostra da importancia de unir esforzos a prol da mobilidade sostible. Para Fontela, iniciativas conxuntas como esta contribúen ao fomento do ciclismo urbano e interurbano en Galicia, ademais de promover o turismo sostible.
A directora xeral destacou o peón e a bicicleta como actores fundamentais e liñas prioritarias da Xunta para transformar o modelo de mobilidade cara a pautas de maior sostibilidade. Nesta liña, Goberno galego xa recolle medidas para promover a sensibilización social e reducir así o impacto sobre o medio a través da Estratexia Galega de Mobilidade.
Judit Fontela referiuse tamén a iniciativas como o programa EBici, con axudas para a adquisición de bicicletas eléctricas de pedaleo asistido. Apuntou que xa se está a traballar para lanzar a nova convocatoria desta liña que o pasado ano beneficiou a 1.400 persoas a través de 167 entidades colaboradoras, cun crédito de 700.000 euros. Para este ano prevese destinar un millón de euros para contribuír á adquisición de bicicletas de ata 700 euros por axuda.
Organizado por ConBici en colaboración coa Federación Portuguesa de Cicloturismo e Usuarios da Bicicleta (FPCUB) e o grupo local Composcleta, co apoio de diversas entidades, o Congreso Ibérico A bicicleta e a cidade chega a Compostela consolidado como referente para a promoción da mobilidade sostible, tanto a nivel nacional como internacional. O seu obxectivo é promover a bicicleta como ferramenta esencial para mellorar a mobilidade urbana e a calidade de vida nas cidades. Na actualidade está xa aberta a convocatoria para enviar comunicacións.