O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, acompañado do director xeral de Comercio e Consumo, visitou en Santiago a mostra ‘Prazas de abastos’
A Xunta e a Fundación RIA potencian as prazas de abastos como o mellor escaparate do produto galego a través das xornadas ‘Encontros de mercado’
O programa de actividades desenvolverase entre os meses febreiro e abril no marco da exposición adicada a estes espazos que está aberta ao público durante o primeiro trimestre deste ano en Casa RIA
A iniciativa, que se artellará en varias xornadas, inclúe visitas ao mercado de abastos da cidade compostelá, conferencias e experiencias gastronómicas, con convidados internacionais como Carolyn Steel ou Ruth Rogers, ademais de chefs galegos
José González sinala a importancia destes encontros para visibilizar e poñer en valor estes enclaves prioritarios do ecosistema comercial e territorial das vilas e cidades galegas, cun gran vencello á contorna na que se integran
Avanza que o Plan Estratéxico de Comercio 2025-2030 promoverá medidas específicas para impulsar o seu potencial, promovendo ademais a súa certificación co selo de Mercados excelentes
Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2025
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou a exposición Prazas de abastos, unha mostra organizada pola Fundación RIA co obxectivo de poñer en valor o importante rol social e económico que teñen os diferentes mercados en Galicia e na que a Xunta colabora apoiando as xornadas Encontros de mercado, un programa de actividades culturais e gastronómicas con personalidades e chefs de prestixio internacional que se desenvolverá entre os meses de febreiro e abril de 2025.
Tras o percorrido —no que tamén participaron o arquitecto e impulsor da Fundación RIA David Chipperfield, e o seu director, Manuel Rodríguez— José González destacou a contribución da entidade á visibilización do papel que desempeñan estes enclaves, fomentando as relacións entre a comunidade, o medio ambiente e a actividade económica local. Ademais, sinalou que actividades como Encontros de mercado promoven a posta en valor destes espazos como o mellor escaparate do produto galego de calidade, cun gran vencello á contorna na que se integran, así como polo seu papel dinamizador na vitalidade e vertebración do territorio.
O conselleiro destacou tamén que, no marco do Plan Estratéxico de Comercio 2025-2030 —que estará listo no primeiro trimestre de 2025 tras o proceso participativo levado a cabo con todo o sector— a Xunta promoverá medidas específicas para potenciar as prazas de abastos, impulsando a súa certificación co selo de Mercados excelentes.
Encontros de mercado
Ao abeiro da exposición Prazas de abastos —aberta ao público na sede de Casa RIA en Santiago durante o primeiro trimestre deste ano— a Xunta apoia o programa de actividades Encontros de mercado, unha iniciativa que se celebrará en varias xornadas e que inclúe visitas ao mercado de abastos de Santiago de Compostela, conferencias e experiencias gastronómicas, todo en colaboración con cociñeiros locais e convidados internacionais. Así, a programación abrirá coa arquitecta e autora británica Carolyn Steel (18 de febreiro), contará coa presenza da cofundadora do restaurante Rivers Café en Londres Ruth Rogers (20 de marzo) e rematará coa participación dun conxunto de chefs galegos o 22 de abril.
A estrutura de cada unha das xornadas constará dunha visita ao mercado con Iago Pazos, chef ao frente dos restaurantes A Cantina de Casa RIA e Abastos 2.0, para coñecer de primeira man os produtos de tempada e proximidade dispoñibles. Despois, desenvólvese a co-creación do menú entre a personalidade convidada e o chef. Posteriormente —abertos ao público con inscrición previa— celébranse unha conferencia e un debate, así como a experiencia gastronómica para desgustar o menú resultante.