A Xunta inviste preto de 1 M€ na mellora dos parques empresariais da provincia de Pontevedra
O delegado territorial visitou os resultados das obras de ampliación da rede de alumeado do polígono industrial da Pedreira, en Meaño
Reguera destacou a importancia de seguir colaborando entre institucións para apoiar ao tecido empresarial galego
Meaño (Pontevedra), 11 de febreiro de 2025
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o resultado dos traballos de ampliación da rede de alumeado do polígono industrial da Pedreira, no concello de Meaño.
Estas obras foron posibles grazas ás axudas para a habilitación e mellora dos parques empresariais de Galicia, nas que a Xunta investiu un total de case 3,9 millóns de euros, dos cales preto de un millón de euros corresponden aos parques empresariais da provincia de Pontevedra.
Así, a obra levada a cabo no concello de Meaño contou cun orzamento de preto de 41.000 euros, dos cales o 80 % (32.600 €) foi financiado pola Xunta.
O delegado territorial aproveitou a visita para poñer en valor a importancia de “manter unha liña de colaboración e comunicación con todos os concellos para poder levar a cabo obras como esta que benefician ao tecido empresarial galego”.
Reguera lembrou que outros 13 parques empresariais da área territorial se beneficiaron destas axudas. Neste sentido, aproveitou para agradecer a “todos os alcaldes e alcaldesas que se esforzan por presentar bos proxectos para que dende a Xunta poidamos colaborar e cofinanciar este tipo de actuacións”.