O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, acompañado polo director xeral de Cultura, participou nunha actividade con 180 escolares en Triacastela

López Campos celebra os dous anos de ‘A Furgoteca’ como “dinamizadora da cultura no interior galego”

Destaca que os percorridos das bibliotecas móbiles por Lugo e Ourense responden “ao compromiso de achegar a cultura a todas as persoas en calquera lugar”

Ademais, incide na posta en marcha dunha terceira ruta o pasado mes de xaneiro “debido á gran acollida da iniciativa que demandaba dar un paso máis”

Desde o 2023 este servizo rexistra 29.000 préstamos, máis de 24.000 visitantes e a realización de máis de 400 actividades en 20 concellos

Triacastela (Lugo), 13 de febreiro de 2025

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, acompañou hoxe en Triacastela os 180 escolares que festexaron o segundo aniversario de A Furgoteca, o servizo de bibliotecas móbiles da Xunta de Galicia que desde 2023 percorre os concellos do rural lucense e ourensán “cumprindo coa responsabilidade do Goberno galego de facer accesible a cultura a todas as persoas e en calquera lugar”.

Así, tal e como lembrou o representante do Executivo autonómico durante o acto, no que tamén participou o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, as rutas que nestes dous anos fixeron o percorrido por 20 concellos do interior das provincias de Lugo e Ourense sumaron un total de 29.000 préstamos, máis de 24.000 visitantes e máis de 400 actividades de dinamización cultural para todos os públicos como xogos, obradoiros ou sesións de narración oral.

Uns resultados, apuntou López Campos, “que agardamos continúen nesta senda e medrando, e máis cando vimos de poñer en marcha no comezo deste ano unha nova Furgoteca aumentando o servizo a outros 10 municipios da área occidental de Ourense”. Neste senso, destacou, “esta nova aposta é froito da gran acollida que tivo a iniciativa entre a poboación, o que demandaba dar un paso máis na nosa implicación con este servizo”.

Deste xeito, o responsable de Cultura da Xunta salientou que chegando a través desta iniciativa a localidades que non dispoñen de servizo bibliotecario, “cumprimos cos obxectivos da Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, coa que promovemos o acceso á cultura de todas as persoas facendo especial fincapé en paliar as limitacións xeográficas e fomentando que todos os galegos poidan contar con opcións de lecer independentemente do lugar no que residan”.

Ademais, López Campos destacou “a efectividade das políticas do Goberno galego no que respecta a accións vencelladas ao libro e ao fomento da lectura” en referencia ao aumento do número de lectores habituais en Galicia, situándose no 66,2%, segundo os últimos datos do Barómetro de hábitos de lectura e compra de libros de España en 2024, o que supón 5,7 puntos máis que a porcentaxe rexistrada en 2023 e que sitúa os índices de lectura na Comunidade por riba da media estatal.

 

Dinamización da cultura no rural

Na celebración do segundo aniversario deste servizo, que tivo lugar no pavillón do centro Eduardo Cela Vila de Triacastela, participaron 180 escolares procedentes de distintos colexios de infantil e primaria dos concellos que abrangue a ruta da biblioteca móbil de Lugo. Os participantes gozaron dun concerto de Pakolas e dunha entrega de libros, unha mostra das distintas accións que se realizan ao longo do ano ao abeiro da visita de A Furgoteca aos distintos municipios e que a converten, sinalou o Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, “nun importante polo de dinamización cultural no rural, neste caso no interior galego, en consonancia con outra das nosas iniciativas, a Rede Adival”.

Así, o percorrido pola provincia de Lugo contou desde o 2023 con preto de 14.000 visitantes, fixo máis de 19.000 préstamos e celebrou 248 propostas de lecer para todos os públicos, abranguendo os municipios de Baleira, Cervantes, Folgoso do Courel, O Incio, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, Aas Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Samos e Triacastela. Pola súa banda, na provincia de Ourense atendeu 10.272 visitantes, realizou máis de 9.900 préstamos e ofreceu aos usuarios 159 actividades de dinamización, chegando aos concellos de Baltar, Os Blancos, Calvos de Randín, Castrelo do Val, Cualedro, A Gudiña, Laza, Oímbra, Trasmiras e Vilardevós.

Ademais, o pasado mes de xaneiro comezou o seu percorrido unha nova ruta das bibliotecas móbiles da Xunta, sumando 10 concellos de Ourense occidental, o de Lobeira, Muíños, Padrenda, A Porqueira, Quintela de Leirado, Rairiz de Veiga, Ramirás, Sandiás, Sarreaus e Verea. Ata o día de hoxe foron dados de alta máis de 100 usuarios e realizáronse 220 préstamos.

As rutas de A Furgoteca viaxan dúas veces ao mes a cada un dos concellos participantes, de maneira que se asenta un dos días nas localizacións con maior afluencia de público, xa sexan feiras, mercados, centros de saúde, pavillóns de deporte ou centros socioculturais. Na outra xornada achéganse ás aldeas para ofrecer unha atención máis personalizada.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/02/2025