Medio Rural e Fiscalía intercambian experiencias e reforzan a súa cooperación na loita contra os incendios forestais en Galicia
A conselleira María José Gómez clausurou este mediodía o encontro de traballo de responsables e técnicos do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais da Xunta con membros do Ministerio Fiscal
Na xuntanza afondouse na colaboración e coordinación entre ambas partes para mellorar na loita contra os lumes, especialmente no que atinxe ao control e persecución da actividade incendiaria
A titular de Medio Rural puxo de relevo o labor que se fai desde a Xunta no eido da prevención, coas tarefas de roza e xestión da biomasa, de concienciación cidadá ou de impulso ás infraestruturas, con importantes investimentos neste ámbito
Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2025
A Consellería do Medio Rural e a Fiscalía intensifican a súa cooperación na loita contra os incendios forestais en Galicia. A titular deste departamento, María José Gómez, clausurou este mediodía o encontro de traballo de responsables e técnicos do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais da Xunta con membros do Ministerio Fiscal.
A xornada, que tivo lugar no Centro de Coordinación Central de loita contra o lume da Dirección Xeral de Defensa do Monte, en San Lázaro, participou a fiscal coordinadora de Medio Ambiente de Galicia, Carmen Eiró Bouza, e os seis fiscais especialistas en medio ambiente da nosa comunidade. Por parte de Medio Rural, ademais da propia conselleira, estiveron o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, e diversos técnicos, entre eles os coordinadores de grupo da Unidade de Investigación de incendios Forestais da Xunta (UIFO).
Na xuntanza afondouse na colaboración e coordinación entre ambas partes para mellorar na loita contra os lumes, especialmente no que atinxe ao control e persecución da actividade incendiaria. Así, por parte dos representantes do Goberno galego púxose en coñecemento dos fiscais cales son as áreas nas que se van centrar os esforzos na próxima campaña para reducir o número de rexistros en zonas de alta actividade incendiaria. Tamén se puxeron en común os traballos de investigación desenvolvidos pola UIFO nos últimos cinco anos, explicouse o funcionamento do Centro de Coordinación Central e do dispositivo de extinción da Dirección Xeral de Defensa do Monte e deuse conta do resultado da campaña de prevención e extinción de incendios de 2024.
Tarefas de prevención
Ademais, neste acto a conselleira puxo de relevo o labor que se fai desde a Xunta no eido da prevención, un cometido amplo que vai desde as tarefas de roza e xestión da biomasa ata a concienciación da poboación, pasando polo impulso ás infraestruturas, con importantes investimentos feitos e/ou proxectados neste ámbito, como son os case 90 millóns de euros que destina este ano a Consellería á loita fronte o lume. Deles, un total de 50,5 millóns financian actuacións de prevención e os 39,1 millóns restantes accións en materia de extinción.
Bases de unidades operativas
Na mesma liña, Gómez salientou os esforzos para mellorar o dispositivo, con iniciativas como a construción de diferentes bases de unidades operativas (BUO), caso da de Valga -cuxo proxecto foi presentado onte mesmo-, ou as de Muíños, en Ourense; Mondoñedo, en Lugo; e Rianxo, na Coruña, entre outras.
No mesmo sentido, a conselleira definiu a loita contra o lume como unha tarefa colectiva que esixe cooperación e responsabilidade social, desde as administracións, pero tamén a título individual. Por iso, engadiu, máis alá dos traballos de extinción, a Xunta acomete investimentos importantes, desenvolve labores e actuacións no monte orientados á prevención e ao freo á propagación do lume, e potencia o seu operativo a través da dotación de máis medios e persoal, e tamén coa súa progresiva especialización.