Belén do Campo anima aos centros comerciais abertos a solicitar, ata o 19 de marzo, as axudas de 2,5 M€ para fortalecer a súa capacidade dinamizadora en vilas e cidades

A nova orde da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para apoiar as actividades das agrupacións de comerciantes busca primar a calidade e a innovación das súas propostas

A convocatoria prevé axudas extraordinarias de 50.000€ para recoñecer o labor dos mellores CCA, co obxectivo de apoiar de campañas adicionais que teñan como obxectivo promover o comercio local e chegar a novos clientes

Estas medidas enmárcanse no Plan estratéxico do comercio 2025-2030, baixo o que se engloban outros apoios como os dirixidos a impulsar a modernización, dixitalización e sostenibilidade do comercio retallista (3,9M€) que se poderá solicitar a partir do 26 de febreiro

A Coruña, 19 de febreiro de 2025

A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada polo director territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Juan José Couce, visitou varios negocios que forman parte da Asociación de Comerciantes Distrito os Mallos, que preside  Alba Balsa, para informar que, a partir de hoxe 19 de febreiro, xa se poden solicitar as axudas, dotadas dun importe de 2,5 millóns de euros, para impulsar as actividades dos centros comerciais abertos de Galicia, reforzando a súa excelencia e a súa capacidade de dinamización das contornas nas que se integran. Belén do Campo animou a esta entidade, que o ano pasado recibiu máis de 36.000 euros ao abeiro desta orde, e a todas asociacións de comerciantes da provincia a solicitar estes apoios. O prazo estará aberto ata o 19 de marzo e o período para a resolución será de cinco meses a partir do día seguinte ao remate do prazo de presentación de solicitudes.

A representante do Goberno autonómico explicou que a Xunta lanza esta convocatoria de achegas incrementando o seu orzamento global e incorporando novidades para potenciar ao máximo estas figuras clave dentro do seu compromiso coa revitalización do comercio local como elemento esencial para o desenvolvemento económico e social das vilas e cidades galegas. 

Así, a nova orde aposta polo réxime de concorrencia competitiva buscando primar a calidade e a excelencia das propostas de dinamización. 

Detalles da convocatoria

Poderán concorrer a estas axudas as asociacións de comerciantes de carácter territorial e sen ánimo de lucro que, legalmente constituídas, que desenvolvan proxectos de interese para revitalizar a actividade comercial nas súas localidades. Tanto no caso das sete grandes cidades como do resto dos concellos, estes centros deben contar cunha antigüidade mínima de tres anos, unha xestión profesionalizada, delimitación territorial definida, diversidade de oferta comercial e, como mínimo, representar 50 negocios retallistas.

As axudas teñan como obxectivo incentivar o consumo e a atracción de clientes, co fin de incrementar as vendas. Para optar ás achegas, as agrupacións deberán presentar a planificación e desenvolvemento dun mínimo de seis campañas que conten coa participación directa dos comercios asociados e dos consumidores, así como a planificación de dúas accións formativas. Opcionalmente, tamén poden propoñen outras actuacións complementarias de fidelización e servizos para a clientela.

Os investimentos máximos subvencionables modúlanse en tres tramos, en función do número de comercios asociados: 65.000 euros no caso de que teñan 100 ou máis; 55.000 euros para os que teñan entre 70 e 99; e 40.000 euros para aqueles que se sitúen entre os 50 e os 69 negocios adheridos. Pola súa parte, a intensidade das axudas poderá oscilar entre o 70 e 90 %, segundo a puntuación acadada polas propostas presentadas, en cuxa valoración se terán en conta criterios como a disposición dun plan de comunicación, a capacidade da campaña para motivar á persoa consumidora ou captar clientela nova ou o seu carácter novidoso. Deste xeito, as achegas máximas da convocatoria poderán alcanzar os 58.500 euros. 

De xeito extraordinario, do total do orzamento da convocatoria, resérvanse 250.000 euros para premiar as cinco mellores propostas, que poderán acceder a un apoio adicional para a realización de actividades de dinamización comercial extraordinarias que deben de ser levadas a cabo en coordinación cos concellos e outras asociacións. 

Axudas para comerciantes

Belén do Campo, tamén anunciou que, o vindeiro 26 de febreiro, está previsto que se abra o prazo das solicitudes da orde para  impulsar a dixitalización, a innovación e a sustentabilidade do comercio retallista e dos obradoiros artesanais galegos de 3,9 millóns de euros. A convocatoria unifica, por primeira vez, estas tres liñas de apoios e, como principal novidade, avanza na simplificación administrativa e na procura da axilización das tramitacións co gallo de favorecer actuacións que contribúan á implantación dun modelo de comercio innovador e sustentable nas cidades e vilas galegas. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o próximo 26 de marzo.

3 liñas de apoios

A delegada explicou que “outra das principais novidades é o incremento da intensidade das axudas ata o 80%”.

A primeira das liñas de apoio contempladas, de dixitalización e innovación comercial, inclúe actuacións como a implantación e mantemento de páxinas web, ferramentas de posicionamento dixital, terminais de autopagamento, xestión de redes sociais ou loxística e-commerce, entre outras. A contía máxima de axudas neste apartado é de 35.000 euros.

En relación á liña de modernización comercial, cóbrense obras de acondicionamento e reforma da superficie de exposición e venda, incluíndo a adquisición de mobiliario auxiliar; custos de servizos profesionais para a redacción de proxectos de interiorismo e decoración, así como accións encamiñadas á mellora da eficiencia enerxética. Tamén contempla a adquisición de maquinaria, ferramentas ou equipamento auxiliar relacionado coa actividade comercial e artesanal. Neste caso, as axudas poden chegar aos 19.400 euros.

Por último, na liña destinada á sostibilidade ambiental, considéranse subvencionables as actuacións dirixidas á redución das cantidades de embalaxe mediante a adaptación do seu tamaño á dimensión dos produtos, con investimentos en caixas de cartón ou bolsas de papel 100 % reciclado,  recheos para embalaxe, bolsas de tea de algodón, liño ou cáñamos 100 %. Neste caso, o investimento máximo subvencionable é de 2.500 euros e a axuda máxima outorgada será de 2.000 euros.

 

 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/02/2025