A Xunta destaca en Vigo a batería de axudas destinadas ao tecido comercial de proximidade

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou hoxe na xornada do Centro Comercial Aberto Zona Náutico de Vigo, na que se informou das subvencións dispoñibles para o comercio minorista

Expuxo que as axudas para promover a dixitalización, a innovación e sustentabilidade do tecido comercial e artesanal, dotadas con 3,9 M€, se poderán solicitar desde o próximo 26 de febreiro

Ademais sinalou que desde hoxe está aberto o prazo de solicitude de axudas aos Centros Comerciais Abertos (CCA), ás que o Goberno galego destina 2,5 M€

O Executivo galego segue a súa aposta polas prazas de abastos cunha nova convocatoria orientada a ampliar a rede de Mercados Excelentes que publicará proximamente o Diario Oficial de Galicia 

Vigo, 19 de febreiro de 2025

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou hoxe na xornada do comercio minorista organizada polo Centro Comercial Aberto Zona Náutico de Vigo na que se informou dos apoios da Xunta dispoñibles para este sector, así como do funcionamiento da aplicación local App Zona Náutico.

Neste eido, o director xeral resaltou o compromiso entre o Executivo galego e o comercio de proximidade, destacando a ampla batería de medidas ofertadas como a recente orde para promover a dixitalización, a innovación e sustentabilidade do tecido comercial e artesanal que, cun orzamento de 3,9 M€, cobre actuacións nestas tres liñas de actuación -compatibles entre sí- abríndose o prazo de solicitudes o vindeiro 26 de febreiro ata o 26 de marzo.

Gabriel Alén, tamén explicou que desde hoxe -ata o 19 de marzo- está aberto o prazo de solicitude de axudas aos Centros Comerciais Abertos (CCA), que, cun orzamento de 2,5 M€, busca primar a excelencia e calidade das propostas de dinamización destas figuras claves no tecido productivo. Como novidade esta convocatoria, primará a calidade e a innovación das propostas, as entidades que obteñan un puntuación superior aos 12 puntos no criterio de valoración poderán optar a unha das 5 axudas extraordinarias de 50.000 euros cada unha  para a realización de campañas adicionais en colaboración con concellos e outras asociacións.

Rede de Mercados Excelentes

O director xeral, tamén fixo fincapé na aposta da Xunta polas prazas de abastos que se exemplifica en accións como a nova convocatoria -analizada este luns no Consello da Xunta- orientada a ampliar a rede de mercados recoñecidos con este distintivo de calidade. A orde pasa a ser bianual e triplica o orzamento -acando preto de 3,3 M€- ante o previsible incremento das solicitudes de mellora, tras o aumento no pasado ano das solicitudes de diagnose.

As achegas, que poden pedir municipios, asociacións, cooperativas ou federacións, promoven tanto actuacións de mellora dos Mercados Excelentes como as destinadas a acadar o selo, aumentando ata unha cuantía máxima de axuda de 320.000 €.

Todos estes apoios, enmárcanse no Plan estratéxico de comercio 2025-2030, que, tras o proceso de escoita activa, prevese que estea listo no primeiro trimestre deste ano.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/02/2025