A Xunta aborda coa asociación de empresarios Seara de As Pontes o seguimento dos proxectos industriais previstos para a comarca

Nese repaso pola situación actual das iniciativas empresarias proxectadas para a zona, o secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, Nicolás Vázquez, lamentou a exclusión da primeira resolución provisional para vales de hidróxeno do proxecto denominado Val do Eume

Santiago, 24 de febreiro de 2025

O secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, Nicolás Vázquez, mantivo esta mañá unha reunión de traballo con representantes da Asociación de Empresarios Seara. Unha cita que se enmarca  na comunicación constante e fluída que están a ter a Xunta e o empresariado pontés para abordar o seguimento dos proxectos industriais que se asentan ou se van asentar na comarca.

Vázquez explicoulles que o Goberno galego segue a traballar para axilizar o asentamento das iniciativas que teñen As Pontes como destino, co fin de facilitar a reindustrialización da comarca tras o peche da central térmica. Nesta liña, tanto o secretario xeral de Industria como os representantes de Seara coincidiron na necesidade de apoiar o desenvolvemento industrial en Galicia, e en concreto, en As Pontes. 

Neste punto, ambos lamentaron a exclusión na resolución provisional da primeira convocatoria do programa Vales de Hidróxeno Renovable do proxecto denominado como Val do Eume e impulsado por EDP e Reganosa en colaboración con Forestal del Atlántico.  Unhas iniciativas promovidas por dúas empresas galegas que foron declaradas estratéxicas polo Consello da Xunta e contan con declaración de impacto ambiental, autorización ambiental integrada e, con autorización administrativa no caso do proxecto para a produción de metanol verde en Mugardos.

O secretario xeral de Industria subliñou ao  respecto que pese a este revés, a Xunta de Galicia seguirá traballando para que proxectos como estes, “maduros e ambientalmente viables”, sexan máis pronto que tarde unha realidade e “axuden a recuperar unha zona fondamente castigada como é a das Pontes”.  

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/02/2025