Miguel Corgos subliña que a proposta de condonación suporía para Galicia asumir preto de 600 M€ máis de débeda

O conselleiro de Facenda aclara que, aínda que a quita reduciría a débeda galega en 1.477 euros por habitante, habería que asumir a estatal, que ascende a 1.699 euros por habitante

Lamenta que o Goberno central estea utilizando o financiamento das administracións territoriais de maneira partidaria e como moeda de cambio para os seus acordos

Advirte que os retrasos nas actualizacións das entregas a conta supoñen para Galicia un custo de 1,5 M€ en xuros cada mes

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2025

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, subliñou esta tarde no Parlamento galego que a proposta de condonación suporía para Galicia asumir preto de 600 (597) millóns de euros máis de débeda. Aínda que a quita reduciría a débeda autonómica en 1.477 euros por habitante, habería que asumir a estatal, que ascende a 1.699 euros por habitante, polo que se incrementaría en 220 euros para cada galego e galega.

En resposta a unha pregunta no Parlamento sobre a non actualización das entregas a conta para o ano 2025, o responsable da facenda galega salientou que esta falta de actualización está a supoñer un gran prexuízo económico para Galicia, aínda superior ao do exercicio pasado, xa que a cifra de referencia que está a empregar o Goberno central non é, nin sequera, as entregas a contas actualizadas en setembro de 2024, senón as iniciais dese ano.

Así, o ano pasado a Comunidade galega tivo que facer fronte a custes financeiros de máis de 10 millóns de euros. A situación estase a repetir este ano, co que a cantidade podería chegar aos 14 millóns de euros máis en gastos financeiros ao final de ano.

Tamén subliñou que, de persistir este retraso no tempo, podería verse afectado tamén o período medio de pago aos provedores. “Algo que tentaremos evitar”, dixo, recordando que Galicia sempre está entre as comunidades que pagan con máis axilidade aos seus provedores, axudando á liquidez dos autónomos, pemes e empresas que prestan os seus servizos.

O conselleiro de Facenda lamentou que o Goberno central estea utilizando o financiamento das administracións territoriais de maneira partidaria e como moeda de cambio para os seus acordos, como se puidera dispoñer discrecionalmente dos recursos que financian os servizos públicos galegos.

Ademais, Miguel Corgos advertiu que os retrasos nas actualizacións das entregas a conta supoñen para Galicia un custo de un millón e medio de euros en xuros cada mes. Concluíu a súa intervención resaltando que a Administración galega reiterará mañá á ministra de Facenda a petición de actualización inmediata das entregas a conta, durante a reunión convocada do Consello de Política Fiscal e Financeira.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/02/2025