O Consorcio Provincial de Pontevedra para a prestación do servicio contra incendios e salvamento aproba o primeiro convenio colectivo e a modificación da relación de postos de traballo

Na xuntanza da entidade celebrada esta mañá participou por parte do Goberno galego o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva

Pontevedra, 26 de febreiro de 2025

O Consorcio Provincial de Pontevedra para a prestación do servizo contra incendios e salvamento, integrado pola Xunta e a Deputación Provincial de Pontevedra, aprobou hoxe o primeiro convenio colectivo para o persoal operativo dos parques de bombeiros dependentes desta entidade, así como unha nova Relación de Postos de Traballo (RPT) do servizo. Acordouse no pleno de hoxe do organismo, no que participou o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, xunto co presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López. Tamén asistiu o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera.

A aprobación supón a culminación da negociación iniciada despois de que, en febreiro do pasado ano, representantes da Xunta, das deputacións provinciais e dos sindicatos, pecharan un acordo para os parques dos consorcios provinciais contra incendios. De feito, á aprobación de hoxe en Pontevedra súmase aos convenios e RPT xa ratificados nas provincias de Lugo e Ourense, quedando só pendente de aprobación definitiva na Coruña no pleno correspondente.

O acordo de hoxe será de aplicación aos  bombeiros que prestan os seus servizos nos parques do Porriño, Ribadumia, Bueu e Vilagarcía de Arousa. Recolle melloras salariais, sociais, de conciliación e de formación, así como a ampliación do cadro de persoal, ao pasar de 73 a 90 efectivos. O incremento de profesionais recóllese nunha nova RPT que define as funcións de todos os postos de traballo e un novo organigrama.

O Goberno galego mantén o seu compromiso na atención ás emerxencias en todo o territorio galego, neste caso para apoiar a actividade dos parques de bombeiros da comunidade, a través dos consorcios. Ademais, a Xunta, pese a non tratarse dunha competencia autonómica, colabora cos servizos de emerxencias dos concellos tanto no seu funcionamento como na dotación de equipamento.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/02/2025