Diego Calvo asiste á terceira etapa de ‘O Gran Camiño’ na provincia de Ourense

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes participou na entrega de premios no Pereiro do Aguiar tras unha contra o reloxo de 15,5 quilómetros que partiu ao mediodía da ponte romana da cidade ourensá

O Pereiro de Aguiar (Ourense), 28 de febreiro de 2025

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, asistiu esta tarde xunto ao delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, á terceira etapa da proba ciclista O Gran Camiño e á posterior entrega de premios. O percorrido nesta xornada foi unha contra o reloxo de 15,5 quilómetros entre a ponte romana de Ourense e o concello do Pereiro de Aguiar, incluíndo a subida ao Alto de Sabadelle.

Nesta cuarta edición, O Gran Camiño ampliou o número de etapas ata cinco saíndo por primeira vez fóra de Galicia ao comezar o mércores en Portugal. Xa desde onte, como en ocasións anteriores, estase a disputar unha etapa por cada provincia galega. Na xornada de onte o pelotón percorreu a provincia de Pontevedra entre Marín e A Estrada, hoxe a contra o reloxo realizouse entre Ourense e O Pereiro de Aguiar e mañá a etapa na provincia lucense sairá desde A Pobra do Brollón e rematará en Pedrafita do Cebreiro. A competición finalizará este domingo cun último percorrido entre a localidade coruñesa de Betanzos e meta en Santiago de Compostela, punto final tamén das etapas dos milleiros de peregrinos que cada ano chegan a Galicia.

Como cada edición, esta proba profesional consolidada no calendario ciclista internacional supón un revulsivo para promocionar Galicia como destino turístico e dar a coñecer as distintas rutas do Camiño de Santiago a través do deporte co obxectivo de atraer visitantes á comunidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/02/2025