A Xunta afianza a súa aposta pola promoción dos produtos galegos de proximidade e calidade nos centros escolares a través da campaña Come Local

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria interveu hoxe na Comisión 7ª do Parlamento para dar conta desta iniciativa

Alemparte sinalou que o subministro destes produtos é un factor que “aporta melloras” tanto aos usuarios dos colexios como aos produtores agrarios

Expuxo que entre as medidas contempladas dentro desta iniciativa inclúense accións de formación e apoio aos centros educativos e ao persoal de cociña dos mesmos

O director xeral de Defensa do Monte fixo balance da operatividade da base aérea transfronteiriza de Támega, que cualificou como “estratéxica” na loita contra os incendios forestais

Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2025

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, está a afianzar a súa aposta pola promoción do consumo de produtos galegos de proximidade, ecolóxicos e con indicativo de calidade nos menús dos comedores escolares de toda Galicia a través da campaña Come Local. Así o destacou hoxe o director da Axencia, Martín Alemparte, na Comisión 7ª do Parlamento.

Alemparte asegurou que os subministro destes produtos é un factor que “aporta melloras” tanto aos usuarios dos colexios como aos produtores agrarios, favorecendo a diminución dos gases de efecto invernadoiro, fomentando as canles curtas de comercialización, o desenvolvemento económico e educando nunha alimentación de calidade ás xeracións futuras.

Seguindo esta liña, detallou algunhas das medidas coas que conta esta iniciativa. Entre elas, destaca o apoio á realización do cálculo semanal para dotar aos comedores dunha ferramenta que facilite o cómputo do gasto que lles permita planificar mellor as compras sen exceder o prezo máximo establecido por cada menú. Para contribuír a esta tarefa, deseñouse unha aplicación móbil para realizar estas operacións e entregáronse tablets aos centros para facer estes cálculos.

Asemade, programáronse accións formativas sobre educación alimentaria para o alumnado dos centros participantes, onde se proporcionou material sobre educación alimentaria. Organizáronse tamén xornadas de formación dirixidas ao persoal de cociña destes comedores para que aprendan a diferenciar as diversas certificacións e coñezan a súa implicación no desenvolvemento rural. Nestas accións afondouse tamén na importancia do fomento das canles curtas de comercialización e do impacto do ambiente. O proxecto conta co asesoramento e intervención dunha experta en nutrición para axudar a introducir os produtos con certificado de calidade.

O director tamén explicou que este proxecto está aliñado coas diferentes iniciativas europeas orientadas a acadar a neutralidade climática como o Pacto Verde ou a estratexia “Da granxa á mesa”, que ten como obxectivo acadar a soberanía alimentaria do territorio europeo. Facendo referencia ás cifras de Come Local, Alemparte incidiu en que nas catro primeiras edicións da iniciativa participaron 110 centros de toda Galicia no que puideron beneficiarse 16.300 escolares, cun investimento de 270.000 euros.

Base aérea trasnfronteiriza de Támega

Pola súa parte, o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, fixo balance, en resposta a outra pregunta, da operatividade da base aérea transfronteiriza de Támega, situada nos concellos ourensáns de Verín e Oímbra. Así, sinalou que nos 75 días nos que permaneceu operativa no ano 2024, entre o 16 de agosto e o 31 de outubro, operou un total de 37 voos, que supuxeron máis de 82 horas, actuando os seus dous avións de carga en terra en 13 incendios forestais.

O director xeral trasladou ademais que neste ano 2025 o aeródromo iniciará a súa operatividade o vindeiro sábado, día 8 de marzo, e valorou como “estratéxica” esta infraestrutura, xa que permite mobilizar un medio aéreo con auga en menos de 15 minutos sobre o incendio, reducindo á metade ese tempo nalgunhas zonas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/03/2025