Belén do Campo aborda coa Asociación provincial de agrupacións de voluntarios de Protección civil da Coruña as súas necesidades e informa das axudas da Xunta

A delegada da Xunta detallou as ordes de apoios para gastos de funcionamento e para dotación de material do Goberno galego e informou dos cursos dirixidos a este colectivo

A Coruña, 5 de marzo de 2025

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, reuniuse coa Xunta directiva da Asociación Provincial de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil da Coruña, que preside Oliva García Trasancos, a primeira presidenta deste colectivo a nivel provincial, tras 24 anos como voluntaria en Bergondo, para coñecer de primeira man o traballo dos voluntarios da provincia e as súas principais demandas. A nova presidenta tomou posesión do seu cargo a finais do pasado mes de decembro. Belén do Campo destacou o traballo altruísta destas agrupacións para reforzar os servizos de emerxencias da comunidade e lembrou o apoio permanente do Goberno galego a este colectivo.

Belén do Campo explicou que a Xunta incrementou, este ano, as axudas para gastos das agrupacións de voluntarios de Protección Civil subindo ata os 370.000 euros as axudas para gastos de funcionamento das agrupacións de persoal voluntario de Protección Civil, 30.000 euros máis que nos anteriores exercicios. Neste senso, lembrou que o ano pasado recibieron estas achegas 64 Asociacións de Voluntarios de Protección Civil da provincia da Coruña por un importe de case 115.000 euros.

A convocatoria deste ano, que pechou recentemente o prazo de solicitudes, vai dirixida ás entidades dos concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de municipios inscritas no Rexistro de Agrupacións de Persoal Voluntario de Protección Civil (AVPC). A través desta medida, o Goberno galego colabora economicamente coas AVPC nos seus gastos correntes e contribúe ao seu funcionamento, a pesar de tratarse dunha competencia de carácter local. 

As axudas poderanse destinar a necesidades como equipamento e vestimenta persoal de uniforme, así como a equipos de prevención e protección, e material informático e de comunicación, sempre que se trate de material funxible. Tamén son subvencionables os custos das actuacións levadas a cabo pola agrupación; da conservación, mantemento e aluguer da base e medios de intervencións; e da formación dos seus membros, así como o pago de seguros do persoal voluntario.

Para a valoración terase en conta o número de mobilizacións da agrupación en 2024, a prestación mancomunada do servizo, o risco potencial de emerxencia estimado polo Platerga, e a poboación e extensión do territorio no que opera a entidade, entre outros criterios.

Dotación de material

Esta orde de axudas anual súmase á liña de apoio específica para a dotación de material. A través delas, a Xunta busca promover a creación, o desenvolvemento e o equipamento das organizacións do voluntariado de Protección Civil, tal e como se establece na Lei de Emerxencias de Galicia. 

Nesta liña, a Xunta destinou nos últimos anos 18 millóns en apoio ás 235 agrupacións de voluntariados de Protección Civil de Galicia integradas por máis de 4.000 persoas. Desta cifra, 14 millóns diríxense a reforzar o equipamento destes colectivos e os catro millóns restantes para colaborar nos custos de funcionamento. 

Cursos formación

A delegada tamén explicou na reunión que xa están convocados os cursos tanto de formación específica de socorrismo en instalacións e espazos acuáticos naturais destinado ás persoas interesadas no desenvolvemento do exercicio profesional de socorrismo na Comunidade Autónoma de Galicia (2 cursos na provincia da Coruña) como os de reciclaxe de socorrismo acuático (1 curso na provincia), válidos para a renovación da inscrición no Rexistro Profesional do Persoal de Socorrismo, Información e Primeiros Auxilios de Galicia. Neste senso, lembrou que o 30% desas prazas resérvanse a voluntarios/as activos/as das agrupacións de voluntarios de Protección Civil.

Belén do Campo informou que dentro das accións formativas programadas para este colectivo, a través da Academia Galega de Seguridade Pública, contarán con case 3.000 prazas para 121 cursos nos que se inclúe formación básica obrigatoria, actividades de loxística, manexo de equipos e apoio en intervencións. Aos profesionais dos servizos de emerxencias ofrécenselles máis de medio cento de cursos con 1.423 prazas e centrados na formación transversal en rescate e intervención, en operacións de axudas técnicas, en dirección e xestión das intervencións.

No eido das emerxencias, destaca a aposta pola descentralización xeográfica e a formación en liña co obxectivo de chegar a máis persoas interesadas na formación. De feito, con respecto ao voluntariado de Protección Civil, séguense convocando todos os cursos básicos precisos para cubrir a demanda de acceso a estes colectivos, ademais de seguir cubrindo a demanda formativa do resto de profesionais de emerxencias.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/03/2025